Este domingo finaliza a 76ª Feira Internacional do Libro de Frankfurt, poñendo fin a cinco días de xuntanzas enfocadas a afondar na internacionalización dos ‘Libros para soñar’ de KALANDRAKA. Dende o stand colectivo de la Federación de Gremios de Editores de España, a editora presentoulles as súas novidades a selos editoriais e axentes literarios estranxeiros, ademais de percorrer outros stands para coñecer o mellor da edición actual para público infantil e xuvenil.

A visita”, das catalás Núria Figueras e Anna Font, distinguido co XVI Premio Internacional Compostela e incluído recentemente na prestixiosa selección The White Ravens 2024, está entre os títulos con máis proxección, acadando novos horizontes lingüísticos para a súa publicación noutros países.

Nos andeis de KALANDRAKA tamén se expuxo “Bim Bam Bum”, de Maria Girón, outra catalá que gañou a seguinte edición do certame de álbum ilustrado convocado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e que vai chegar ás librarías a principios de novembro, logo de que a autora asista á entrega do premio no Pazo de Raxoi.

 

Entre os encontros desta semana tamén figura a recoñecida tradutora Ilide Carmignani, unha das artífices da edición en italiano de “Os migrantes”, do escritor chileno Marcelo Simonetti e Maria Girón. Canda ela, a autora e ilustradora alemá Nadia Budde, creadora da serie “Un dous tres, que ves?”, “Un dous tres, vampiro ti es” e “Un dous tres, Nadal é”, publicados no catálogo dos ‘Libros para soñar’.

Paralelamente ao labor profesional, a Feira Internacional do Libro de Frankfurt está desenvolvendo unha extensa programación cultural paralela dedicada a Italia, como país invitado.