Campaña "Palabras no ar" (SXPL)
-
Publicado: Abril 15, 2011
A Campaña de Dinamización Lingüística PALABRAS NO AR que vén realizando KALANDRAKA por distintas vilas e cidades galegas vai chegando ao seu remate. Estes días as actividades chegaron aos centros educativos de Arteixo. As voces dos escolares do CEIP de Arteixo, CEIP Ponte dos Brozos, CEIP Galán, CEIP San Xosé Obreiro, do IES Pastoriza e do IES Manuel Murguía, protagonizan os programas radiofónicos que se van emitir ás 12:00 e ás 19:10 horas entre o martes 26 de abril e o luns 2 de maio en Radio Arteixo (102 FM).
-
Publicado: Enero 11, 2011
A campaña PALABRAS NO AR -no marco do programa de dinamización lingüística “Bocaberta”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta- chegou esta semana á provincia de Lugo, con actividades escolares programadas nos concellos de Quiroga e de Palas de Rei. Preto de 300 alumnos e alumnas, tanto dos Centros de Educación Infantil e Primaria como dos Institutos de Educación Secundaria de ambas localidades están participando nos obradoiros de escrita, de oralidade e de gráfica creativa. Na primeira sesión, os nenos e nenas do CEIP de Quiroga elaboraron adiviñas a partir de coñecidos refráns relacionados co monte. Tamén lembraron algunhas coplas tradicionais e, como despedida das actividades, cantaron a “Mazurca dos animais” que lles compuxo Alberto Barreiro.
-
Publicado: Noviembre 17, 2010
O ilustrador Pablo Otero estivo impartindo esta semana os obradoiros de gráfica creativa dirixidos aos escolares de 1º ciclo da ESO do IES de Arzúa e do CPR Nosa Señora do Rosario, que hoxe rematan a súa participación na campaña “Palabras no ar” de KALANDRAKA, no marco do programa de animación lingüística Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A partir dunha reflexión inicial sobre a nosa lingua e da idea de colectividade, os alumnos e alumnas traballaron arredor da identidade persoal empregando unha fotografía de si mesmos, sobre a que debuxaron, colorearon, recortaron e aplicaron diversos elementos decorativos, para representar unha palabra galega escollida por eles. Polos cinco talleres de gráfica creativa que se impartiron na Biblioteca Municipal de Arzúa, pasaron preto dun centenar de escolares dos aproximadamente 250 aos que chega “Palabras no ar” no seu conxunto nesta localidade. A campaña compleméntase con obradoiros de oralidade e de escrita e, ademais, co material sonoro, literario e artístico que elaboren os alumnos, vanse crear os contidos do blog www.palabrasnoar.org e unha serie de programas de radio que se emitirán na emisora local.
-
Publicado: Noviembre 05, 2010
O ilustrador Pablo Otero (Ourense, 1970) imparte un obradoiro de gráfica creativa a escolares de 1º ciclo da ESO dos IES Castro da Uz e Moncho Valcarce, e do CPI Monte Caxado, de As Pontes, que están a participar na campaña “Palabras no ar” de KALANDRAKA, no marco do programa de animación lingüística Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A partir dunha reflexión inicial sobre a nosa lingua e a idea de colectividade, os alumnos e alumnas traballan arredor da identidade persoal empregando unha fotografía de si mesmos, sobre a que debuxan, colorean, recortan e aplican diversos elementos decorativos, para representar unha palabra galega escollida por eles.
-
Publicado: Noviembre 02, 2010Categorías: Campaña "Palabras no ar" (SXPL)
Nesta xornada do 2 de novembro comeza a desenvolvese en As Pontes a campaña “Palabras no ar” de Kalandraka, que forma parte do programa de dinamización lingüística Bocaberta 2010-2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. As actividades, dirixidas a escolares de 8 a 13 anos pertencentes ao 2º e 3º ciclo de Educación Primaria e 1º ciclo da ESO, realízanse na Biblioteca Municipal. Nos 20 obradoiros programados ata o 8 de novembro, participarán máis de 400 alumnos e alumnas dos CEIP A Fraga, A Magdalena e Santa María, do CPI Monte Caxado e dos IES Castro da Uz e Moncho Valcarce.
-
Publicado: Noviembre 20, 2009
O blog de PALABRAS NO AR ofrece un divertido xogo de adiviñas elaboradas polos escolares do CEIP Santo Paio de Abaixo, cos animais acuáticos e aéreos que habitan na ría. Esta proposta didáctica, baseada na colección “Pequechos” de FAKTORÍA K, xurdiu nun obradoiro de oralidade realizado cos alumnos e alumnas de 5º curso de Educación Primaria. O video anima a atinar no maior número posible de acertixos e, segundo o resultado, medir o nivel de coñecemento do habitat mariño.
-
Publicado: Noviembre 13, 2009
PALABRAS NO AR está de noraboa. Celébrase a ‘entrada’ número 100 deste blog, co que fai un seguemento constante á campaña de dinamización lingüística coa que KALANDRAKA está percorrendo a xeografía galega. E compartimos este logro con toda a comunidade escolar, cos bibliotecarios e libreiros, cos lectores cativos e grandes que visitan a cotío este modesto recuncho da rede. Ogallá haxa cen motivos máis para seguir festexando o achegamento dos nenos e nenas galegos á nosa lingua e á nosa cultura. Moitas grazas por acompañarnos neste fermoso camiño de palabras, músicas e voces.
-
Publicado: Octubre 29, 2009
-
Publicado: Octubre 05, 2009
A quinta etapa da Campaña de Animación Lingüística PALABRAS NO AR, que realiza KALANDRAKA, comeza hoxe en Ames. Esta iniciativa, que se enmarca no programa ‘Bocaberta’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, achegará sesións de contos e música, obradoiros de oralidade e de escrita creativa, para escolares de tres a once anos de idade. As actividades celebraranse no Pazo da Peregrina ata o 16 de outubro e participarán máis de 800 escolares pertencentes aos CEIP Bispo Guerra Campos, Agro do Muiño, Barouta e Ventín, a Escola de Educación Infantil de Milladoiro e os centros unitarios de Ames, Ortoño, Bugallido, Agrón e Covas.
-
Publicado: Septiembre 21, 2009
O equipo de PALABRAS NO AR chega esta semana a Allariz, no corazón da provincia de Ourense, para desenvolver -no marco da campaña Bocaberta- as súas actividades de dinamización lingüística. Obradoiros de oralidade, de escrita creativa e sesións de contos con música ocuparán o tempo de todos os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria da vila, que visirán a Biblioteca Municipal do 22 de setembro ao 2 de outubro.