Os migrantes

Girón, Maria Simonetti, Marcelo Traducción: Nicolás, Iago

Unha proposta orixinal que aborda o encontro co diferente con humor e intelixencia, a través da mirada curiosa e inocente da infancia.

 

O anuncio da mestra sobre a incorporación de dous migrantes non frea o desexo dos protagonistas de chegar axiña á casa para tomar a súa merenda favorita. É daquela cando empezan a intercambiar hipóteses sobre o significado daquela misteriosa palabra. Dende o descoñecemento, a inocencia e a curiosidade, estes dous irmáns trazan ideas entre o lúdico, o comestible e o doméstico, desenvolvendo argumentos baseados na lóxica infantil que suscitan graza e tenrura.

Pero, coma unha metáfora da sociedade actual que rexeita a poboación migrante, a ignorancia deriva en desconfianza, do interese inicial pasan ao medo e os pensamentos negativos furan na mente dos nenos. Ao día seguinte, no seu retorno á aula —acaso o absentismo non é casual, senón a reacción das familias ao contacto cos recén chegados— atopan dous novos compañeiros chegados dende un país lonxano cos que pronto traban amizade.

Esta historia de Marcelo Simonetti é unha invitación a derrubar prexuízos e estereotipos, mudar a relación co fenómeno da migración abordando o encontro co diferente a través da humanidade e da empatía, cunha mirada limpa e libre de estigmas. Cunha poderosa carga ética e simbólica, as ilustracións de Maria Girón destacan polo seu realismo, beleza e colorido, pola expresividade e o dinamismo dos personaxes.
Leer más
Leer menos
16,00 €