"DEICHE OLLOS E MIRACHES AS TEBRAS", PREMIO FOLLAS NOVAS DE TRADUCIÓN 2023
«Deiche ollos e miraches as tebras», de Irene Solà, recibiu o Premio Follas Novas 2023 á Mellor Tradución polo labor de María Alonso Seisdedos, que xa recibira esta mesma distinción en 2022 a conta da anterior novela da autora catalá, «Canto eu e a montaña baila».
O director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, recolleu o premio no nome da tradutora, que tivo palabras para louvar os traballos de Xavier Senín e María Reimóndez para a editorial Hugin e Munin que tamén foran finalistas nesta categoría, para agradecer a aposta das editoras pola “literatura traducida con contratos xustos e acordes coa Lei de Propiedade Intelectual” e para criticar os “absurdos criterios” da Consellería de Cultura na convocatoria anual de axudas á tradución.
Na novena gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego tamén foi recoñecida a traxectoria do escritor e tradutor vasco Joseba Sarrionandia, nomeado Escritor Galego Universal pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. O autor, que durante máis de 30 anos permaneceu no exilio en Cuba ao longo dos cales desenvolveu unha intensa actividade literaria na que destacan o estudo e a tradución ao euskara dos clásicos -Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Curros Enríquez…- das nosas letras, declarouse “galego aínda falando calquera lingua”.
“Necesitamos unha lingua única, limpa, perfecta, clara, que sexa a esencia de todas as demais linguas”, afirmou Joseba Sarrionandia, acompañado polo seu tradutor ao galego, Isaac Xubín. “E cal é esa lingua? O galego”, engadiu o autor, argumentando que “lingua universal non é a que sexa máis grande ou coma as máis pequenas, senón aquela que respecta as outras”.
Canda el, o editor Francisco Porrúa (Corcubión, 1922-Barcelona, 2014) e a libraría Eixo de Ourense recibiron os premios honoríficos da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, respectivamente. A presidenta desta última entidade, Cielo Fernández, representou as tres organizacións que promoven os Premios Follas Novas cun discurso no que destacou “a espléndida diversidade do noso ecosistema, tanto editorial como libreiro” e a “moi alta calidade da produción escrita en galego”.
[Fotografías da gala: Xaime Cortizo]