Bernardo Atxaga [© Basso Cannarsa]

O escritor Bernardo Atxaga chega esta semana a Pontevedra para recoller, o sábado 3 ás 20:00 horas no Teatro Principal, o título de Escritor Galego Universal que lle outorga o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Na véspera desa Gala das Letras, o autor vasco impartirá unha conferencia ás 20:00 horas no Pazo de Mugártegui, titulada “Reaccións ante unha pedra riscada”. Canda el participarán o profesor, crítico literario e tradutor da obra de Atxaga ao galego, Ramón Nicolás, a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas, e a concelleira de Cultura en Pontevedra, Anxos Riveiro.

O compromiso de Bernardo Atxaga “coas causas da dignidade e en concreto do pobo vasco”. A súa obra “extensa e intensa, valorada tanto en Euskal Herría como nos máis diversos idiomas aos que foi traducida”. A súa aposta polo éuscaro como “ferramenta de expresión da cultural de Euskal Herría”, situándoa como elemento de “centralidade” da súa produción literaria.

Son algúns motivos polos que a AELG distingue a Atxaga, “un dos escritores en activo máis recoñecido das letras en éuscaro”, creador de numerosos contos, novelas, poemas e ensaios. Ca súa designación como Escritor Galego Universal, o seu nome súmase aos de Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e Lídia Jorge, que xa contan con este recoñecemento.

Conferencia de Bernardo Atxagaen Pontevedra: 2 de maio, 20:00 horas, Pazo de Mugártegui.

Bernardo Atxaga (Asteasu, Guipúzcoa, 1951) é licenciado en Ciencias Económicas e tamén en Filosofía e Letras. A súa produción literaria está escrita integramente en eúscaro e dende 2006 pertence á Real Academia da Lingua Éuscara-Euskaltzaindia. Entre as súas obras máis importantes destacan o libro de poemas "Etiopía" (1972), "Chuck Aranberri dentista baten etxean" (1982), "Poemas & Híbridos (1993) e "O fillo do acordeonista" (2003), co que recibiu o Premio da Crítica, entre outros galardóns, como o Donostia Hiria, o Premio Euskadi de Literatura ou o Premio Grinzane Cavour de narrativa estranxeira. No selo FAKTORÍA K están publicados “Obabakoak” (Premio da Crítica 1988, Premio Euskadi 1989, Premio Nacional de Narrativa, Premio Millepages) e “Sete casas en Francia”, con tradución de Ramón Nicolás. Tamén participa na antoloxía “Alén da fronteira. Sete poetas vascos” (Premio Lois Tobío 2013), traducida en galego por Isaac Rubín.