"Brinca Vai!", novo libro-cd-dvd (KALANDRAKA).

Brinca Vai!” é un novo libro-cd-dvd con 12 cancións compostas e interpretadas polo músico Paco Nogueiras. David Pintor elaborou as ilustracións desta publicación, que se completa cos videos dirixidos por Sr.Sagüillo, nos que colaborou o alumnado de varios centros escolares. “Brinca Vai!” proponnos unha viaxe musical ao longo dos 12 meses do ano, cantando e bailando temas vencellados coa natureza, a amizade, a lingua galega, os xogos populares ou as festas tradicionais, dende o entroido ao Nadal, pasando polo Samaín ou o magosto. Ademais, inclúe propostas de participación nas aulas e mais no fogar, que se recollerán na web www.brincavai.com, onde tamén se ofrecerán contidos extra.

Chegará ás librarías e bibliotecas de toda Galicia a partir da segunda quincena de maio.

A liberdade creativa é a principal característica das composicións, escritas e interpretadas por Paco Nogueiras cun amplo abano de estilos e contrastes, dende o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, con influencias tradicionais. Co obxectivo de achegar a tradición á actualidade mediante ritmos e estéticas contemporáneas, as cancións tratan sobre temas incluidos no currículo escolar: as estacións, a natureza, a lectura, a amizade, os xogos e as celebracións populares, festas como o Entroido, o Magosto, o Samaín ou o Nadal.

[Seguen a continuación fragmentos de audio das cancións. Pica nas ligazóns]

BRINCA VAI!

NO SAMAÍN

RAP DO MAGOSTO

COS PÉS NA TERRA

O APALPADOR

APERTAS QUE VOAN

O ENTROIDO MOVE O CORPO

A PALABRA TEN VIDA

NUN LIBRO...

AUGAS QUE VEÑEN E VAN

PORQUE VÉN O VERÁN

MEU O MUNDO É!

Seguindo o espírito lúdico e humorístico das composicións, as ilustracións de David Pintor destacan tamén polo seu ton trouleiro, caricaturesco e transgresor da realidade, con imaxes de moito colorido, expresividade e dinamismo nas que aparece representado un alter-ego do intérprete ataviado co seu característico chapeu azul.

Ilustración de David Pintor para "Brinca Vai!" (Kalandraka).

Os vídeos elaborados por Sr. Sagüillo complementan o carácter audiovisual deste traballo, co propósito de achegar ao eido educativo un material útil para a formación do alumnado, antes e despois dos 7 anos. É unha proposta de lectura, expresión musical e corporal, creatividade artística e aprendizaxe global en clave de diversión, que non remata coa publicación da obra, senón que busca a interacción e deixa aberta a porta á implicación do público escolar e familiar.

Gravación do videoclip da canción "Brinca Vai!".

Gravación do videoclip da canción "Meu o mundo é!".

"Eleva a paisaxe cotiá, a escola, a casa, a biblioteca, á categoría de escenarios e faino sen alterar o que lles é propio: a sinxeleza e a proximidade..."

(Fragmento do limiar de Juana Vázquez, mestra).

"Deixádevos levar entre as diversas apariencias que tén a lectura. Gozade vendo, escoitando ou cantando…"

(Fragmento do limiar de Manuel Cortés, do grupo de teatro Chévere).

Paco Nogueiras (Santiago de Compostela, 1970) é diplomado en Graduado Social, músico e actor. Tras formarse cos artistas Andrés Pazos e Fabio Mangolini, impartiu clases de teatro e dirixiu representacións en entidades culturais e escolas. Foi actor e percusionista de Els Comediants e Os Quinquilláns. Na actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres TENedORES, do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago. Participou en formacións de música tradicional e foi creador da banda sonora de varios espectáculos teatrais, musicais, de danza e dunha serie infantil da TVG. Colaborou en dous discos con Ophiusa.

Paco Nogueiras, compositor e intérprete das cancións de "Brinca Vai!".

David Pintor (A Coruña, 1975) é ilustrador. Foi seleccionado en varias edicións da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña e mais da Bienal de Ilustración de Bratislava. Finalista dos CJ Picture Book Awards e incluido na prestixiosa lista The White Ravens. Recibiu diversos recoñecementos nacionais e internacionais: premio da Society of News Design, premio Communication Arts, premio Pura e Dora Vázquez de ilustración, Premio Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe e premio Ilustrador do Ano Città del Sole, entre outros.

José Miguel Sagüillo (Sr. Sagüillo) é licenciado en Belas Artes (Audiovisuais) e cofundador de WinterSun Studio. Traballa como artista dixital e especialista en animación 3D, deseño gráfico, motion graphics, ilustración, edición e postproducción de vídeos corporativos, promocionais e curtametraxes.

David Pintor, ilustrador de "Brinca Vai!". José Miguel Sagüillo, realizador dos videos das cancións.

Segue a páxina de "Brinca Vai!" en Facebook: http://www.facebook.com/BrincaVai

Expositor de "Brinca Vai!".