"AS ILUMINACIÓNS", XXII PREMIO PLÁCIDO CASTRO DE TRADUCIÓN

As iluminacións”, de Arthur Rimbaud, traducido por Tamara Andrés e Oriana Méndez para a colección Tambo, recibiu o XXII Premio Plácido Castro de Tradución 2023. O xurado destacou a “especial dificultade” desta tradución ao galego de “Les Iluminations”, que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. Tamén considerou “a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade”, ademais de resaltar que “ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora”.

Esta obra -publicada nunha edición bilingüe- é unha mostra do xenio literario de Rimbaud quen, na súa breve traxectoria poética, desafiou os límites da creatividade e da expresión. O seu legado proxectouse no movemento surrealista e na xeración beat.

É a primeira vez que o Premio Plácido Castro, cunha dotación de 3.000 euros, recoñece unha tradución poética do francés ao galego. O acto de entrega celebrarase arredor do 30 de setembro, Día Internacional da Tradución. Tamara Andrés e Oriana Méndez recibirán un diploma e a peza escultórica Babelio deseñada expresamente por Xaquín Chaves.

Consolidado como un “referente no sistema literario galego”, o certame promovido pola Fundación Plácido Castro ten distinguido en anteriores edicións a tradutoras como María Alonso Seisdedos, Antía Veres Xesto ou Isabel Soto, entre outras profesionais. O xurado desta convocatoria estivo formado por Xesús Riveiro (Xunta de Galicia), Patricia Buxán (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Xosé María Gómez (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Xulio Ríos (Real Academia Galega) e Jacobo Domínguez (Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto).

Tamara Andrés é graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e titulada no mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago. Ten unha recoñecida traxectoria como poeta; recibiu o Premio de Poesía O Facho 2015 e foi finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2018.

Oriana Méndez é licenciada en Filoloxia Galega pola Universidade de Santiago. Tamén ten unha ampla bibliografía poética, distinguida co Premio de Poesía do Concello de Carral 2014, o Premio de Poesía Rosalía de Castro 2019 e o Premio de Poesía Afundación 2020.

Ambas as dúas son tamén as responsables da tradución de “Las iluminaciones” en castelán, publicado xunto con “Una temporada en el infierno”, para o selo editorial Cuatro lunas, de KALANDRAKA.