ENTREGA DE PREMIOS DO IV CERTAME DE RELATO CURTO DE FANPA PONTEVEDRA
O salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra encheuse de público con motivo da entrega dos premios do IV Certame de Relato Curto organizado pola Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos da provincia de Pontevedra en colaboración co Concello de Pontevedra, a Deputación e varias empresas. Como resultado desta iniciativa, á que se presentaron 720 textos, publicouse un libro deseñado e producido por KALANDRAKA, que reúne os 120 traballos seleccionados por un xurado formado por Xosé Ballesteros, Adolfo Caamaño, Francisco Freire, Xosé Manuel González 'Oli', Chema Heras, Xosé Monteagudo, Concepción Pérez e Xosé Pérez, coa participación de Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015.
Á entrega das distincións sumouse a ilustradora Belén Padrón, autora da imaxe da portada do libro.
"Como editor, desexo que reflexiones sobre un dato preocupante: os resultados das enquisas elaboradas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas indican que de cada cinco cidadáns, dous nunca len nada. Un, dous libros ao ano; e outro, non máis de catro libros ao ano. Agardo que ti sexas un ou unha dos privilexiados que pode e quere darlle a volta a eses indicadores tan frustrantes".
[Xosé Ballesteros, no limiar do libro]
"Porque nos ensinas que a escritura axuda a sentirnos máis libres e a lectura máis críticos; porque, malia medrares nun ambiente totalmente castelán, chegaches a rodear cos tus brazos e co teu corazón a lingua galega".
[Mensaxe de FANPA Pontevedra a Ledicia Costas, na introdución do libro]
Guillermo Rodríguez González, do CEP Sequelo de Marín, gañador na categoría de Educación Primaria polo relato "A vida é soño".
Paula Domínguez Barreiro, do IES Valle Inclán de Pontevedra, gañadora do apartado de Educación Secundaria, polo texto titulado "Cavilacións de sobremesa".
Na categoría de autores adultos gañou Tamara Andrés Padín pola obra titulada "A eterna bailarina". Tamén resultou gañador Dominique Haroun López na categoría de Bacharelato/FP por "O camiñante".
"A instantánea" é a historia creada por Ledicia Costas expresamente para 'amadriñar' este IV Certame de Relato Curto; un texto que antecede os traballos dos gañadores e finalistas do concurso.
Os gañadores, cos membros do xurado e coa organización do certame.
Trala entrega de premios, Ledicia Costas e Belén Padrón dedicaron exemplares do libro publicado cos relatos gañadores e finalistas.
"Contar historias que nunca ocorreron, narrar accións de ficción, vidas de personaxes que non existiron... axudaranos a gozar un pouco máis desta humilde escola que é a literatura".
[Colofón do libro]