"DESDE 1880", DE PIETRO GOTTUSO, XIII PREMIO COMPOSTELA
O ITALIANO PIETRO GOTTUSO GAÑA O XIII PREMIO COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO COA OBRA TITULADA “DESDE 1880” “Bola”, da artista vasca Maite Gurrutxaga, é o proxecto finalista do certame, ao que se presentaron uns 400 traballos dunha vintena de países O autor italiano Pietro Gottuso foi o gañador do XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado cun proxecto titulado “Desde 1880”, que representa o paso do tempo a través dunha libraría. O certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, ten unha dotación económica de 9.000 euros e conleva a publicación da obra na cinco linguas peninsulares. Graduado en Filosofía e en Linguas Orientais Antigas, Pietro Gottuso (Verona, 1987) decidiu ampliar a súa formación nunha escola de ilustración “fascinado polo poder comunicativo da imaxe”. Foi finalista do Premio Renner 2018, do XXIV Premio Internacional Humor a Gallarate, do Premio de Ilustración Sansperarte Paese Museo e seleccionado na 30ª Bienal Internacional de Humor na Arte. O xurado estivo formado pola especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro, a libreira e editora Paz Gil, o ilustrador Xosé Cobas, o profesor Alberto Urdiales, experto en ilustración na literatura, a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez, a edil de Educación do Concello de Santiago, Noa Díaz, e Beatriz Varela como secretaria. Na valoración da obra distinguida destacaron que se trata dunha “narración gráfica que amosa o paso do tempo nos últimos 140 anos” a través dun edificio nunha cidade no que hai unha libraría, como testemuña privilexiada -e “baixo a mirada de Cronos”- dos acontecementos: dende as contendas bélicas ata as transformacións sociais, pasando pola evolución da paisaxe urbana. Tamén salientaron a técnica pictórica “moi coidada, realizada en acrílico sobre madeira e con rigoroso debuxo”. A artista guipuscoana Maite Gurrutxaga foi a finalista do XIII Premio Compostela cun álbum titulado “Bola”. Ademais, o xurado outorgoulle unha mención especial a “Pájaros”, da uruguaia Lucía Franco e da arxentina Natacha Ortega. O certame tivo un significativo nivel de participación a pesar da pandemia de coronavirus, con case 400 traballos presentados procedentes dunha vintena de países, principalmente de España, Italia e Portugal, ademais de Estados Unidos, México, Arxentina, Francia, Reino Unido, Sri Lanka ou Taiwan, entre outros destinos. PRÓXIMA PUBLICACIÓN Trala súa publicación en novembro deste ano no catálogo de KALANDRAKA, a obra de Pietro Gottuso será un dos eixes na proxección exterior da editorial e da cidade de Santiago a través das feiras nacionais e internacionais do libro. Tamén se sumará ás actividades da Campaña Municipal de Animación á Lectura, un programa do Departamento de Educación que, desde hai 20 anos, impulsa a lectura, a literatura e a ilustración entre o público infantil de Compostela e da súa contorna. Nas doce edicións precedentes foron premiados “Cerca”, de Natalia Colombo; “Un gran soño”, de Felipe Ugalde; “A familia C”, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; “A viaxe de Olaf”, de Martín León Barreto; “Bandada”, de David Álvarez e Julia Díaz; “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson; “Ícaro”, de Federico Delicado; “Despois da chuvia”, de Miguel Cerro; “Unha última carta”, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; “A horta de Simón”, de Rocío Alejandro; “Cándido e os demais”, de Fran Pintadera e Christian Inaraja; e “O can de Milu”, de Máriann Maray.