O selo FAKTORÍA K de KALANDRAKA celebra o Día do Libro incorporando o vixésimo título en galego á colección Narrativa K. A rompedora e divertida novela “Un ianqui na corte do rei Artur”, de Mark Twain, que 124 anos despois da súa publicación segue plenamente vixente, é a obra que protagoniza esta efeméride. Con ela, tamén vén de saír do prelo “Pastoral americana”, coa que Philiph Roth -Premio Príncipe de Asturias das Letras 2012- gañou o Pulitzer en 1997. Carlos Acevedo e Fernando Moreiras, respectivamente, son os tradutores destes dous brillantes textos narrativos.

En 2007 chegaban ás librarías galegas os dous primeiros libros de Narrativa K: “Cuspirei sobre as vosas tumbas”, de Boris Vian, traducido por David Gippini, e “O señor Ibrahim e as flores do Corán”, de Eric-Emmanuel Schmitt, traducido por Emma Lázare. Seguiulle un éxito mundial: “O neno do pixama a raias”, de John Boyne, do que se fixeron oito reimpresións. Do autor irlandés publicáronse posteriormente a novela de aventuras “Motín na Bounty” e o relato “Noah Barleywater escapa da casa”, un título que se encadrou noutra serie para público xuvenil.

 

George Orwell é outro escritor con doblete no catálogo de FAKTORÍA K, con dúas das súas obras mestras: “A granxa dos animais” e “1984”. Nas letras contemporáneas, Narrativa K ofrece senllas obras de dous referentes literarios: o estadounidense Cormac McCarthy asina “A estrada” e “Tantos cabaliños lindos”, que tamén foron adaptadas ao cine; e no eido das letras peninsulares con proxección internacional, de Bernardo Atxaga publicáronse en galego “Obabakoak” e “Sete casas en Francia”.

Entre as lecturas que propón Narrativa K tamén se atopan obras e autores tan senlleiros como a controvertida e pasional “Lolita” de Vladimir Nabokov; a impactante obra póstuma de John Kennedy Toole, “A conxura dos necios”; o dramático testemuño de Joseph Conrad en “O corazón do negror”; o descarnado “Pan con xamón” de Charles Bukowski que tamén ten trazos autobiográficos; ou a crítica que desprenden as “Cartas desde a terra” de Mark Twain.

Cos deseños de Marc Taeger, e o traballo rigoroso de tradutores e correctores, FAKTORÍA K aspira a seguir nutrindo o panorama narrativo en galego con traducións de autores inéditos e títulos esenciais da literatura universal de todos os tempos, contribuíndo paralelamente a unha maior normalización lingüística.