Como se de escolares de Educación Infantil e Primaria se tratase, o profesorado dos centros docentes de Santiago que participan na XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura asistiu a unha sesión demostrativa de contos e música nas salas da Galería Sargadelos, ambientadas especialmente para este programa de actividades que ata o 25 de maio vai acoller contacontos, obradoiros de escrita creativa e de ilustración, e xornadas formativas.

Xosé Pérez, de KALANDRAKA, foi o condutor desta presentación especial, xustificando a elección dos relatos elixidos para o repertorio, suxerindo outras propostas de lectura complementarias e orientando sobre o desenvolvemento de posibles estratexias educativas nas aulas a partir destas sesións. A voz de Patricia González na narración dos contos e o acompañamento musical de Álex Fente situaron os mestres e mestras ante o escenario fantástico do que a cotío é partícipe o alumnado.

"Bandada", a obra coa que Julia Díaz e David Álvarez gañaron o V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, marca o inicio dunha visita que vai ter os paxaros como fío condutor. As aves como metáfora da sociedade contemporánea e dos seus males: as guerras, as inxustizas. Unha historia ilustrada con imaxes en branco e negro que transcorre nun bosque; un espazo no que se mesturan a realidade e a ficción, semellante ao creado polo prestixioso autor e ilustrador británico Anthony Browne para o libro titulado "No bosque", no que tamén o uso da cor e das ilustracións en branco e negro ten un valor simbólico. Un relato de misterio e intriga no que está presente o concepto da familia.

Despois de bordear o "bosque dos contos", unha instalación artística que actúa como espazo de transición entre a primeira parte da visita e os seguintes relatos, e na que o público atopará referencias a contos clásicos e personaxes de historias de nova creación, chégase ao escenario no que transcorre "Niños", un álbum dos arxentinos Pepe Márquez e Natalia Colombo, autora de "Cerca". Títulos que teñen en común a reflexión sobre a diversidade, a convivencia ou a veciñanza.

"A galiña vermella" é o conto no que se intensifica a interacción dos narradores co público: a interpretación, o tono e a inflexión das voces, o ritmo da música e os efectos sonoros que potencian o realismo da historia, xunto cunha escenografía que recrea con moita fidelidade o estilo das ilustracións de Marco Somà, fan que o público se involucre nas accións propostas: sementar, colleitar, moer, amasar... o arduo traballo da protagonista terá como recompensa un delicioso biscoito. O esforzo, o traballo en equipo ou a cooperación son algunhas das ideas ás que nos achega este relato tradicional.

A derradeira etapa da sesión de contacontos transcorre na sala adicada a Rosalía de Castro, ao cumprirse 150 anos da publicación de "Cantares gallegos". As ilustracións de Belén Padrón para a escolma poética publicada na colección Trece Lúas de FAKTORÍA K son o principal elemento artístico desta homenaxe, que se complementa cunha proxección de imaxes vencelladas á vida de quen pasou á historia de Galicia como o símbolo do Rexurdimento.