A Campaña de Animación á Lectura de KALANDRAKA vén de completar o seu percorrido por toda a xeografía galega visitando centros de educación infantil e primaria nos que realizou unhas 200 actividades, entre sesións de contacontos e música, e obradoiros de escrita creativa e de oralidade. A campaña itinerante de animación á lectura é unha iniciativa propia de KALANDRAKA que se puxo en marcha no mesmo ano de fundación da editorial, en 1998, e que se mantivo de xeito continuado en cada curso escolar.

Nesta edición, as actividades concentráronse nos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio e xuño de 2011. Para a súa realización, KALANDRAKA conta con dous equipos de animación lectora: a narradora Patricia González e o músico Álex Fente percorrendo as localidades do norte de Galicia, e a narradora Sandra Senra coa intérprete Nébeda Piñeiro para as escolas situadas no ámbito xeográfico do sur, aos que se suma Alberto Barreiro no desenvolvemento das sesións de escrita creativa.

“Un gran soño” e “A familia C”, galardoados co Premio Compostela de Álbum Ilustrado, “Mago Goma”, “Os catro amigos”, “Unha parella diferente”, “Un becho estraño” ou “Bailar nas nubes” son algúns dos relatos que compoñen o repertorio das sesións de contos, amenizadas con acompañamento musical que favorece non só a participación do alumnado, cantando as cantigas compostas a partir dos relatos, senón que tamén redunda na educación musical dos escolares, familiarizándoos con melodías e instrumentos tradicionais como o acordeón, a pandeireta, o birimbao ou os chifres.

Por outra banda, nos obradoiros de escrita creativa os nenos e nenas creaban os seus propios relatos a partir da proposta literaria do libro “Imaxina animais”, de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre. Ademais de adestrar a imaxinación e as habilidades expresivas do alumnado, dun xeito lúdico e dinámico, tamén se impartiron sesións de oralidade baseadas nas coplas populares e noutros aspectos da tradición oral galega, que permitiron a creación colectiva de versos aos que mesmo se lles puxo música propia.

Estas campañas anuais son un complemento de grande importancia na intensa actividade editorial de KALANDRAKA, que entende a animación á lectura como un dos seus piares básicos, xunto coa dinamización das bibliotecas escolares. Os destinatarios das sesións de contos e música, dos obradoiros de escrita e oralidade, foron máis de 9.000 nenos e nenas, que recibiron a visita dos equipos de animación para levar a cabo actividades acordes á idade e ao nivel académico do alumnado.

...No CEIP Pedro Antonio Cerviño, en Campo Lameiro.