Velaquí o mago Goma,

un mago moi especial,

failles rir ata ás pedras

e ás cebolas, chorar.

O seu corpo é de goma,

os seus ollos son de mar,

ten o corazon de ouro

e a alma de mazá!

Toño Núñez, autor de “Mago Goma”, visitará a libraría ZampaContos, en Ourense, este próximo venres 13 de maio. Recitará este simpático conto rimado que describe a un divertido personaxe, entrañable e excéntrico. Toño Núñez compartirá cos rapaces e rapazas a súa experiencia como escritor, lector e mestre. Esta presentación forma parte do programa de actividades organizadas por ZampaContos para celebrar o mes do libro. Ao remate do encontro co autor farase a entrega dos premios do IV Concurso “A conquista da illa marabillosa” de Relatos Ilustrados.

“Mago Goma” é un conxunto de estrofas de catro versos octosílabos e rima asonante. Coplas de humor para primeiros lectores sobre un mago moi especial, cuxo nome é un palíndromo, que tanto se le do dereito como do revés. Ao plasmar visualmente este poema, o ilustrador Adrià Fruitós creou insólitas imaxes e sorprendentes mesturas de cores. Combinando debuxos e elementos figurativos, o resultado é unha composición dixital de gran calidade técnica, con suaves texturas, moita carga simbólica e un traballado dinamismo en cada páxina.

Toño Núñez (Navia de Suarna, Lugo, 1959) estudou Maxisterio e foi mestre de Educación Infantil durante máis de dúas décadas. Actualmente traballa no Instituto de Educación Secundaria de Palas de Rei (Lugo), onde imparte clases de lingua e literatura galega. Polo seu traballo literario recibiu, entre outros galardóns, o segundo premio Ánxel Fole de narrativa, convocado polo Concello de Lugo. Elabora artigos de opinión, poemas, relatos e traballos didácticos que se publican habitualmente en xornais, libros colectivos e revistas especializadas.