“Indignádevos!” é un non que dá paso a un si. A usurpación da democracia, os políticos profesionais como mordomos dos poderes económicos, o saqueo dos dereitos dos traballadores, a manipulación da información para administrar arsénico… Son moitos e rechamantes os motivos para dicir non. A ese non, segue un si: saír da indiferenza. A indignación que proclama Stéphane Hessel é a condición imprescindíbel para o espertar das conciencias. O secuestro da liberdade e a corrosión da xustiza, do espazo do benestar público, é posíbel nun estado de suspensión das conciencias".

Nun lúcido artigo titulado “A nova conquista do pan”, Manuel Rivas xustificaba a necesidade de que xurdira un manifesto para sacudir as mentes acomodadas da sociedade. “Indignádevos!” foi un fenómeno internacional ao que Galicia non foi alleo, con tres edicións en apenas dous meses, e uns 10.000 exemplares vendidos da tradución ao galego realizada por Fernando Moreiras. Con este opúsculo inaugurábase a colección ÁGORA K, ao que lle seguiu “A revolta dos indignados”, un libro colectivo coas achegas de Carlos Taibo, Josep Maria Antentas, Esther Vivas, Antoni Domènech Figueras, Iván Giménez Chueca eJuan Carlos Monedero.

“A razón de base da Resistencia era a indignación. Nós, os veteranos dos movementos de resistencia e das forzas combatentes da Francia Libre, facemos un chamamento ás novas xeracións para revitalizaren e transmitiren o herdo da Resistencia e os seus ideais. Nós dicímoslles: tomade o relevo, indignádevos! Os responsábeis políticos, económicos e intelectuais, e o conxunto da sociedade, non deben renderse nin deixarse amedrentar pola actual ditadura internacional dos mercados financeiros, que ameaza a paz e a democracia”.

Tiña 93 anos cando a súa mensaxe, chea de forza e de vitalidade, chegaba a millóns de persoas en todo o mundo. Consciente de que “a fin xa non está moi lonxe”, Stéphane Hessell urxía unha reacción inmediata e contundente para frear a inxustiza e forxar una cadea de compromiso a prol dun mundo mellor. Dous anos despois, apagouse a voz deste carismático persoeiro: dende a súa nenez en París en contacto coas vangardas artísticas e ideolóxicas, ata a súa deportación aos campos de concentración alemáns de Buchenwald e Dora pola súa pertenza ao Consello Nacional da Resistencia Francesa, pasando pola súa contribución á redacción da Declaración Universal de Dereitos humanos en 1948 a raíz da súa faceta diplomática.

O seu legado ten un nutrido grupo de activistas sociais dispostos a seguir os seus pasos.

["Falece Hessel, a inspiración dos indignados": programa Vía V de V Televisión, a partir do minuto 27:00]