XORNADA FORMATIVA NO IES LUIS SEOANE
Invitados polo profesor de Finanzas do IES Luis Seoane de Pontevedra, Xosé Lois Veiga, visitamos este centro educativo do barrio de Monte Porreiro, moi preto de onde se atopa a editorial, para compartir con estes mozos e mozas a experiencia de KALANDRAKA no mercado, as orixes do proxecto que deu lugar ao catálogo dos Libros para Soñar, o proceso de internacionalización, a participación nas feiras internacionais máis importantes do sector, e outros aspectos dunha traxectoria que neste 2013 cumpre xa 15 anos de vida.
Entre os asistentes á sesión, o profesor e escritor Miguel Suárez Abel, que publicou no Diario de Pontevedra un xeneroso artigo sobre a aventura de KALANDRAKA:
En tempos de tanta noticia triste, exasperante e demoledora, resulta dunha ledicia impagable poder escribir sobre unha experiencia empresarial estimulante e fermosa. Desde a súa creación, Kalandraka demostrou que é posible, partindo dos soños e do casual, emprender, progresar, gustar e seducir ao mundo cunha idea: facer libros de calidade en Galicia para o mundo. O equipo dirixido por Xosé Ballesteros arrincou con humildade detrás dunha ilusión e axiña soubo transformala nunha realidade empresarial de éxito implantada na península, en Italia e México. A idea era tan bela como ideal: producir libro en galego, ben ilustrado, de calidade e en tapa dura pensado para os máis pequenos. Cando saltou a chispa é probable que os máis instalados e resistentes ao cambio considerasen o soño iso: unha fantasía inalcanzable, pouco realista, despegada da realidade e das leis da economía de mercado. A teimosía e paciencia dos soñadores demostrou todo o contrario. Hoxe Kalandraka produce tantos libros ao ano como vehículos a Citroen, compra e vende dereitos para editar en case todo o mundo, traduce os seus libros a ducias de idiomas, asiste ás feiras do libro máis importantes do mundo e calquera pode atopar un libro desta editorial en Boloña, Guadalaxara, Tokio, Tetúan, Santiago de Chile, Bos Aires ou Lisboa.
Asentada nunha estrutura equilibrada e horizontal, na que as relacións laborais se entrecruzan co gusto pola lectura e a súa implantación, a empresa establecida en Monte Porreiro, imprime en Poio, almacena o seu material en Campolameiro e viaxa polo mundo en galego, castelán, xaponés, coreano, inglés ou árabe. Son moitos os recoñecementos que recibe esta empresa. O último, vímolo nos días pasados porque fixo entrega do galardón o Príncipe de España, foi polo que soe ser case sempre: «por el compromiso con la literatura infantil, destacando el cuidado de los textos, junto con la calidad de la ilustración y la dedicación a géneros más complejos como la poesía», calificando á editorial como «un referente en España y en el extranjero». E aquí radica ao meu ver a razón fundamental do seu éxito: unha exquisita e rigorosa elección na edición plasmada nun produto dunha calidade moi alta, especialmente no que toca á ilustración. O texto é unha mera axuda. O libro entra polos ollos en calquera cultura.
Os primeiros premios viñeron do lado da ilustración e por aí continúa a súa veta do éxito. Para lectores miúdos – e para os que non o son tanto- había un elemento esquecido ou escasamente valorado que é o mimo polo ilustrador. Kalandraka apostou en firme por esta liña e o éxito está á vista. O seus libros sorprenden en Boloña, Barcelona ou Frankfurt pola orixinalidade e calidade da súa ilustración. Sería débil reducir o seu éxito á perfecta ilustración. O labor de selección dos textos, os dereitos mercados, as apostas por autores consagrados de renome internacional e a aposta por escritores ou ilustradores novos, son factores que tamén contribúen a que, aínda en tempo de crise, esta empresa medrase un 4%. Sen dúbida, tamén, pola audacia e visión a distancia, ao non se agarrar como táboa de salvación ás subvencións e axudas oficiais. A empresa parte do soño, da ilusión, sempre desde a humildade e sen hipotecarse na dependencia das axudas dos poderes públicos.
A sobriedade e reinversión dos beneficios na empresa posibilitaron esa expansión e penetración internacional que hoxe a converten nunha editorial de referencia no seu campo. Parabéns para Ballesteros e o seu equipo. Dá xenio ver que hai soños que se poden levar á práctica. É un verdadeiro gozo comprobar que, contra vento e marea, sen estridencias, se pode desde Monte Porreiro editar libros para o mundo. O que dicía ao comezo: unha auténtica ledicia poder escribir sobre o éxito dunha empresa que resiste, que medra, que fortalece a su estrutura e recibe o recoñecemento internacional, intentando, nada máis e nada menos, facer libros en galego, fermosos e de calidade, para o mundo.