A 36ª Feira do Libro de Vigo comeza este venres 2 de xullo na Praza de Compostela. As casetas van estar abertas ao público ata o domingo día 11, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas. O escritor Xosé Cid Cabido, autor -entre outros títulos- de “Oralmente pola boca”, editado en castelán por FAKTORÍA K, vai ler o pregón inaugural a partir das 19:30 horas. Ao longo dos próximos días, a caseta da libraría LIBROS PARA SOÑAR vai ofrecer unha ampla variedade de literatura infantil e xuvenil, mais tamén unha escolma de títulos dirixidos a lectores adultos. Entre as actividades que ofrece a Feira, destaca a presenza de autores e ilustradores que publicaron algunha obra en KALANDRAKA:

-O sábado 3, ás 20:00 horas, o ilustrador Óscar Villán asinará exemplares do seu traballo máis recente, “O Rei Oso Branco”, mais tamén doutros álbums emblemáticos, como “O coelliño branco”, polo que recibiu o 1º Premio Nacional de Ilustración en 1999; “Un becho estraño”, editado no selo FAKTORÍA K; ou a colección para pre-lectores “Do berce á lúa”.

-O domingo 4, a partir das 20:00 horas, o escritor Fran Alonso e o fotógrafo Manuel G. Vicente van asinar “A araña e mais eu”, un álbum galardoado pola Asociación Galega de Editores co Premio Xosé Neira Vilas 2009 ao mellor libro infantil, e escollido como un dos mellores álbums do ano pola revista Cuadernos de Literatura Infantil e Juvenil.

-O venres 9, dende as 20:00 horas, o músico Pablo Díaz e o ilustrador Marc Taeger asinarán exemplares do libro-disco “Tic-Tac”, co que xa cantan e bailan moitos escolares galegos, e que tamén alenta a creatividade dos cativos coas súas orixinais imaxes elaboradas coa técnica do linograbado.

Durante a Feira, os libros teñen un desconto do 10%. E diariamente haberá dous sorteos: un vale de 60 euros para mercar libros nas librarías participantes e un lote de libros. LIBROS PARA SOÑAR agárdavos na caseta número 7.