A Galería Sargadelos de Santiago abrirá mañá ao público unha exposición titulada “Compostela”, que consta de 15 ilustracións do artista plástico galego David Pintor realizadas para un caderno de viaxe homónimo editado por KALANDRAKA. A mostra poderase visitar ata o 15 de setembro, de luns a sábado en horario comercial, no número 16 da Rúa Nova de Santiago. Nesta obra, David Pintor comparte a súa visión máis persoal dunha das cidades históricas máis fermosas, acolledoras e entrañables, xa non só de Galicia ou de España, senón acaso do mundo enteiro; coas súas peculiaridades, contrastes e sorpresas.

As imaxes expóñense nun contexto artístico que recrea, especialmente para esta ocasión, a atmosfera interior do libro, protagonizado por un personaxe -alter ego do ilustrador- que percorre Compostela portando un bolso no que garda a libreta e os rotuladores cos que plasma diversas estampas da cidade, deténdose nos cafés con máis encanto para incentivar un paseo vagaroso que tamén invita a realizar aos lectores desta obra visual.

Dende os edificios máis antigos aos máis modernos, prazas, rúas, xardíns e recunchos singulares de visita obrigada son retratados dun xeito especial, combinando a propia realidade con elementos imaxinarios e chamativos que David Pintor introduce, ofrecendo unha imaxe diferente de Compostela e convidando a coñecela ou a revisitala con outros ollos máis abertos e curiosos. Unha exposición que está dirixida non só aos turistas que acoden a Santiago, senón tamén aos propios habitantes.

A mostra compleméntase cunha sección na que se expoñen outros libros de KALANDRAKA ilustrados por David Pintor, tanto en solitario como formando tándem artístico-literario co seu compañeiro de Pinto&Chinto, Carlos López: “Contos para nenos que dormen deseguida” (Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil, Asociación Galega de Editores, 2010; The White Ravens, da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, 2011), “Minimalario”, “Tito Longueirón”, “Hércules e Crunia” e “Almanaque musical” (2º Premio de Ilustración do Festival Internacional de Literatura Infantil-Xuvenil de Sharjah, Emiratos Árabes, 2012).

David Pintor (A Coruña, 1975) é humorista gráfico, ilustrador e pintor, e integrante dende 1993 do dúo Pinto&Chinto. En 2011 foi finalista dos CJ Picture Book Awards e incluido na lista The White Ravens; seleccionado para expoñer en varias edicións da Bienal de Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Recibiu, entre outros, o premio da Society of News Design, o Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración, o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe, e o Premio Ilustrador do Ano Città del Sol.

[Montaxe: Mari-Sol García e Xosé Pérez, de Kalandraka;  fotos: Mari-Sol García]