LIBROS PARA SOÑAR abriu as súas portas no ano 2000 na rúa Triunfo do Casco Vello e o próximo 23 de abril, Día do Libro, celebra o seu décimo aniversario: dez anos ofrecendo unha variada e completa oferta especializada aos lectores, cos títulos máis relevantes no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Ademais de facer un servizo personalizado, a cualidade que máis define a LIBROS PARA SOÑAR ao longo destes anos é a súa programación continua de actividades de animación á lectura. Todos os venres, de xeito gratuito, celébranse sesións de contos e música para nenos e nenas.

Para os maiores -nais e pais, bibliotecarios, animadores socioculturais e profesionais da docencia, lectores en xeral- LIBROS PARA SOÑAR organiza periodicamente cursos de formación sobre narración oral, confección de monicreques ou teatro. A iniciativa máis novedosa e que ten máis éxito de participación son as sesións de contos para bebés, dirixidas a nenos e nenas de cero a tres anos acompañados dun adulto. Neste mes de abril, estas xornadas celebraranse os días 14 e 28. Consisten en facer unha escolma dos contos máis axeitados para esas idades, realizar unha sesión práctica e dar pautas para introducir os libros adecuados a cada etapa do crecemento.

Na sesión de contacontos desta tarde, LIBROS PARA SOÑAR vai renderlle homenaxe a Hans Christian Andersen, considerado o pai da Literatura Infantil e Xuvenil. Así, o repertorio constará de adaptacións de obras súas, como “O patiño feo” e “O traxe novo do rei”, editadas por KALANDRAKA con ilustracións de Ana Sande e João Caetano, respectivamente. A sesión do día 16 estará adicada aos títulos “favoritos” de LIBROS PARA SOÑAR. Á seguinte semana, en pleno Día do Libro, a libraría organiza unha festa de aniversario para celebrar o seu aniversario, con autores e ilustradores galegos que nos últimos anos veñen participando nas súas actividades.

Nesta década, LIBROS PARA SOÑAR acometeu un proceso de reforma e modernización das súas instalacións para adaptarse ás novas necesidades do momento, para renovar a súa imaxe no conxunto do Casco Vello vigués e para atender en mellores condicións aos lectores.