Nenos e adultos participaron este pasado fin de semana na sesión especial de contos e música celebrada na Galería Sargadelos de Santiago con motivo da clausura da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago que organizan o Departamento de Educación e KALANDRAKA. A actividade estivo amenizada por profesores e alumnos da Escola Municipal de Música, que interpretaron diversas composicións intercaladas no repertorio de contos: "Nadarín", de Leo Lionni; "Críctor", de Tomi Ungerer; e "Paco", de Paula Carballeira e Blanca Barrio, na voz dos narradores de Kalandraka. O ilustrador Marc Taeger debuxou en directo unha adaptación ao estilo chinés de "A verdadeira historia de Carapuchiña", mentres Olalla González contaba a historia.

Dende o pasado mes de abril, a XII Campaña Municipal de Animación á Lectura, co lema "Unha viaxe de ida e volta", realizou ducias de sesións de contos e música, de obradoiros de ilustración e de escrita creativa, que chegaron a milleiros de escolares dos centros educativos de Santiago. O programa tamén incluíu actividades formativas para pais e nais, profesorado e especialistas; así como sesións de contacontos para bebés e tamén para público familiar.

Toda esta intensa programación desenvolveuse no marco escénico dunha exposición de ilustracións de artistas internacionais e de obxectos relacionados, que consta de imaxes dos seguintes libros: "A viaxe de Olaf", do urugauio Martín León Barreto (IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado), "Que che gustaría ser?", da italiana Arianna Papini (finalista do certame); "O león Kandinga", da zaragozana Elisa Arguilé (Premio da Fundación CJ de Cultura de Corea); "O nacemento do dragón", da francesa Catherine Louis; "Letras nos cordóns", da italiana Marina Marcolin; e "Celso Emilio Ferreiro, escolma poética", do galego Baldo Ramos, co gallo do centenario do nacemento do escritor celanovés.

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN para público escolar, co artista plástico galego Pablo Otero.

SESIÓN DE CONTOS E MÚSICA para público escolar, con Patricia González e Álex Fente.

SESIÓN ESPECIAL DE CONTACONTOS PARA BEBÉS "DO BERCE Á LÚA", con Beatriz Campos e Sandra Senra.

SESIÓN DE CONTOS E MÚSICA para público familiar.