CLAUSURA DA XI CAMPAÑA DE ANIMACIÓN É LECTURA DE SANTIAGO
A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, organizada polo Departamento de Educación e KALANDRAKA, chega mañá sábado ao seu fin. “Contando e cantando coa familia C”, que tomara o seu lema da obra gañadora do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, titulado “A familia C”, comezou o pasado 14 de marzo. Dende esa data sucedéronse as sesións de contos e música para escolares da bisbarra compostelá, as visitas guiadas á exposición de ilustracións, os obradoiros de escrita creativa e de ilustración, as visitas ás escolas infantís, as sesións de contos para bebés, as xornadas formativas para o profesorado e as sesións de animación á lectura para familias. O colofón a todo este abano de actividades será unha sesión especial de contacontos e música que se celebrará mañá, sábado 30 de abril, a partir das 12:00 horas, na Galería Sargadelos de Santiago. A festa continuará no Liceo Casino de Santiago, coa participación do alumnado da Escola Municipal de Música.
A clausura da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura é un acto aberto a toda a cidadanía, para facer unha última visita aos espazos artísticos nos que transcorreron as actividades. O percorrido abarca as ilustracións de Mariona Cabassa para “A familia C”, de Adrià Fruitós para “Mago Goma”, de Antonio Santos para “Pancho”, de Vanina Starkoff para “Bailar nas nubes” (finalista do III Premio Internacional Compostela), de Giulia Campolmi para “O paraugas amarelo” e do galego David Pintor para o caderno de viaxe titulado “Compostela”. O equipo de animación á Lectura de KALANDRAKA amenizará o itinerario coa narración dalgún destes contos, que contará con ambientación musical en directo.
A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura contou con dous fitos importantes: o fallo do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que recaeu na obra “El camino de Olaj”, de Martín León-Barreto, seleccionada entre un total de 374 traballos procedentes de 19 países; e a presenza en Santiago do prestixioso ilustrador italiano Roberto Innocenti, que participou no xurado do certame e impartiu unha charla sobre a súa traxectoria artística, da que destacan títulos como “As aventuras de Pinocho”, “A historia de Erika” ou “A casa”.