"Breve, contundente e dirixido ao lector", dixo o profesor Antón Losada ao argumentar por que recomenda a lectura de "Indignádevos! ". A Liga Estudantil Galega organizou, na Facultade de Ciencias Políticas da Facultade de Santiago, un faladoiro sobre o manifesto de Stéphane Hessel no que tamén participou o editor de FAKTORÍA K, Xosé Ballesteros.

"Indignádevos!", prologado por Manuel Rivas, é o primeiro título da colección Ágora, coa que o selo FAKTORÍA K pretende abrir canles de debate, achegándolles aos lectores textos que apelen ao pensamento crítico. A reivindicación da rebeldía, do inconformismo e da acción social están presentes nesta obra que xa vai pola súa terceira edición.

Na súa intervención, Antón Losada loubou tamén a inocencia coa que Hessel pensa o mundo, a súa habilidade para depositar un pouso reflexivo nos lectores e o seu acerto ao recuperar con esta obra a tradición do panfleto político.