A ritmo de valse, pasodobre ou muiñeira, un peciño tras doutro, arrebolándonos ou tocando o ceo cos dedos, o grupo Pesdelán logrou mesmo que as nubes e a auga de maio danzaran ao son da música, con algún que outro trono uníndose ao coro. Tralo mes dos libros, estreamos o mes da lingua e das letras na Feira do Libro de Santiago cun concerto-obradoiro baseado nos temas do libro-cd-dvd "Na punta do pé", que recupera pezas do folclore galego, portugués e mirandés. Montse Rivera e Mercedes Prieto presentaron os bailes e as cancións, Uxía Cribeiro e Bea Díaz foron as voces cantantes, Xan Pampín ao acordeón e Amando Gottardi ao baixo, Carlos Freire coa percusión e Miguel Flores tocando a guitarra, interpretaron "O xogo da carrasquiña", "A pulga na palla", "A caminho de Viseu" e o "Baiao". Fixeron que nais e pais bailaran cos seus nenos e nenas, se socializaran con outras familias, se divertiran e riran practicando sinxelos xogos e movementos. "Na punta do pé" xa vai pola súa segunda edición aos catro meses do seu lanzamento. Grazas ao talento dos integrantes de Pesdelán e aos lectores e lectoras pola súa confianza nesta obra multidisciplinar, participativa e sorprendente. KALANDRAKA agárdavos na caseta de LIBROS PARA SOÑAR ata o 8 de maio, na Alameda compostelá.