Este mércores 1 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez comeza a 41ª Feira do Libro da Coruña, que se prolongará ata o venres día 10. Un ano máis, os álbums ilustrados de KALANDRAKA e as obras para público infantil e adulto de FAKTORÍA K terán o seu propio espazo, nesta ocasión, na caseta nº 13 da libraría LIBROS PARA SOÑAR.

Entre as actividades programadas figuran varios encontros con autores e ilustradores vencellados a Kalandraka:

JOSÉ ANTONIO ABAD, autor do texto de "As catro estacións. Vivaldi", asinará exemplares deste libro-disco: mércores 1 de agosto ás 19:30 horas na caseta de secretaría.

PAULA CARBALLEIRA protagonizará unha sesión de contos baseada no seu último libro infantil, "O principio": xoves 2 ás 18:00 horas na carpa da feira.

TIM BOWLEY ofrecerá unha sesión de contos para presentar o seu último libro de relatos, titulado "Non hai escapatoria e outros contos marabillosos", ilustrado por ÓSCAR VILLÁN. Ámbolos dous asinarán exemplares da obra: sábado 4 ás 12:30 horas na carpa da feira.

"As catro estacións" é un libro-cd que combina un fermoso relato ambientado na naturaleza coas imaxes coloristas do Premio Nacional de Ilustración Emilio Urberuaga e a brillante interpretación das composicións de Vivaldi a cargo da violinista Sarah Chang.
A vinculación de Antonio Abad coa música remóntase á súa faceta de coordinador dos programas didácticos da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Banda Municipal da Coruña. A esa etapa pertence tamén outro texto da súa creación: "Hércules e Crunia", sobre a orixe mítica da súa cidade natal.
Malia os efectos devastadores dunha guerra, este relato poético contado dende a infancia e a inocencia, é unha contundente mensaxe de esperanza.
Trala recente publicación de "O principio", a obra literaria de Paula Carballeira volve de novo ás librarías coa reedición doutro texto seu para lectores a partir de 8 anos: "Smara" foi incluido la prestixiosa lista The White Ravens e  galardoado co Premio Isaac Díaz Pardo da Asociación Galega de Editores.
Dez relatos sobre intrigas, amores, feitizos, aventuras, perigos... "Non hai escapatoria e outros contos marabillosos" contén lecturas audaces para traspasar as fronteiras da realidade da man de Tim Bowley e Óscar Villán, autor e ilustrador que iniciaron esta serie coa obra "O Rei Oso Branco".
Na sesión de contacontos que Tim Bowley ofrecerá na Feira do Libro da Coruña haberá dúas historias do seu repertorio: "Xaime e as landras" e "Amelia quere un can", publicadas en formato álbum por Kalandraka con ilustracións de Inés Vilpi e de André Neves, respectivamente.
Óscar Villán tamén terá o seu rotulador e o seu estuche de pinturas preparado para adicar exemplares de "O coelliño branco", "A cebra Camila", "Un becho estraño" e a colección "Do berce a lúa".