"ABRIL É UN PAÍS", PREMIO FOLLAS NOVAS 2025 DE ENSAIO

Aínda coa emoción intacta trala cobertura informativa dos actos conmemorativos polo 51º aniversario do 25 de Abril e da multitudinaria marcha pola Avenida da Liberdade en Lisboa, cunha importante presenza de xente moza, Tereixa Constenla recolleu en Compostela o Premio Follas Novas 2025 na categoría de ensaio e investigación polo seu libro «Abril é un país. Os heroísmos descoñecidos da Revolución dos Caraveis».

[Tereixa Constenla co libreiro Xan Astorga, da libraría Marxe da Estrada]

Durante a súa intervención, a xornalista estradense honrou a memoria do capitán de cabalaría Fernando Salgueiro Maia, que estivo á fronte dos sublevados; do cabo insubmiso José Alves da Costa que aquel día histórico negouse a acatar a orde de disparar o carro de combate e cuxa identidade estivo oculta durante os 40 anos seguintes; tamén para mulleres como Conceição Rodrigues Matos, que resistiron a represión e as torturas da policía política. Dispoñible tamén en portugués co título «Abril é um país. Um olhar estrangeiro sobre os heroísmos da Revolução dos Cravos», esta obra de Tereixa Constenla rescata o sentir do pobo portugués na súa arela de liberdade e algúns dos testemuños de quen fixo posible aqueles momentos máxicos e inesquecibles.

 

Compostela, A Estrada, Pontevedra, Cangas, A Coruña e O Carballiño en Galicia; Lisboa, Porto e Braga en Portugal; lugares onde as verbas de Tereixa Constenla fixeron vibrar tantas lembranzas nos últimos doce meses, dende a publicación desta crónica rigorosa e necesaria sobre o último medio século do país de Abril que segue escribindo o seu destino, ante os desafíos dun presente incerto e inestable.

[Presentación na sede de Afundación en Compostela, en colaboración co Ateneo de Santiago] 

 

[Presentacións no Museo do Moble da Estrada e na Festa dos Libros de Pontevedra]

  

[Presentacións nas librarías Wells de Cangas, Berbiriana da Coruña e OzocoGz do Carballiño]

[Presentación en Culturgal]

 

[Encontros co alumnado dos IES Avelina Valladares e Antón Losada Diéguez, da Estrada]

[Presentación na Fundação José Saramago de Lisboa]

 

[Presentacións na UNICEPE do Porto e na Livraria Centésima Página de Braga]

Ademais dos premios entregados nas doce categorías restantes, nas gala celebrada no Teatro Principal de Santiago tamén recibiron os premios honoríficos da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación Galega de Editoras e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, respectivamente, o libreiro Rafael Silva, un dos fundadores da libraría Follas Novas de Santiago que, dende 1971, chegou a ser un “espazo clave para a difusión da cultura galega” e unha “referencia en todo o país”; o editor, mestre e activista Cultural Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018, presidente da Asociación Galega de Editoras de 2010 a 2014 e da Asociación Culturgal do 2014 ao 2017, entre outras responsabilidades; e a poeta e investigadora palestina Shahd Wadi, doutora en Estudos Feministas pola Universidade de Coimbra, nomeada Escritora Galega Universal pola “calidade da súa obra e o seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista”.

En nome das tres organizacións que convocan os Premios Follas Novas do Libro Galego, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, reivindicou que cada unha destas tres entidades leva “máis de catro décadas construíndo estruturas sociais, empresariais e culturais que poidan sustentar o noso sistema literario”.