Estreamos o verán: vacacións, viaxes, descanso, lecer, cultura, aventuras, descubrimento... Os Libros para Soñar ocupan gozosos a maleta para acompañar os lectores cruzando provincias ou rexións, países ou continentes, por terra, mar ou aire. “A frauta máxica” non podía ter atopado mellor destino que Viena, a capital musical de Europa, cidade por excelencia da ópera e do vals, terra natal de Schubert, Strauss, Schönberg... Ante a Wiener Staatsoper, na avenida do Ring, unha das composicións máis senlleiras do repertorio de Mozart.

Música, literatura e arte fúndense na colección de óperas de Kalandraka, coeditadas en galego e portugués co selo especializado Hipòtesi, para suscitar o interese do público infantil por este xénero musical. Os libretos están adaptados para acadar unha maior comprensión de cada obra e as ilustracións acompañan a lectura, que se completa coa biografía do compositor e os fragmentos sonoros en soporte CD, interpretados por concertistas de prestixio.

A FRAUTA MÁXICA: Fantasía, emoción e aventuras para homenaxear o talento de Mozart, coa edición adaptada dunha das súas obras mestras, para transportarnos a un mundo de cabaleiros, dragóns e princesas.

AIDA: Viaxamos con esta famosa composición de Verdi ata o antigo Exipto e gozamos da exuberancia das paisaxes do Nilo, asombrámonos coa grandiosidade das pirámides e compartimos a paixón entre os protagonistas deste drama.

O BARBEIRO DE SEVILLA: Fígaro enfróntase con astucia a un vello tirano que ten pechada con sete chaves unha fermosa doncela. A ópera de humor de Rossini, chea de enredos e ritmo trepidante, levaranos ata a Giralda e a Torre del Oro.

 O ELIXIR DO AMOR: Unha ópera bufa de Donizetti inzada de situacións imposibles, no complexo triángulo sentimental que forman o tímido Nemorino, o fachendoso Belcore e a fermosa Adina. Como todo vale no amor, o torpe namorado confía nas propiedades dun bebedizo máxico...

ORFEO E EURÍDICE: A mitoloxía grega legounos esta conmovedora historia de amor na que o heroe loita contra un cruel destino que o separa da súa doncela. Paixón e morte, traxedia e valor, que nos envolve neste drama clásico de Gluck.

PORGY & BESS: Unha rapaza bonita que levaba unha mala vida. Un home eivado que destacaba pola súa xenerosidade. Unha grande historia de amor a ritmo de jazz, na Norteamérica dos anos 30.

TURANDOT: As tebras cobren a Corte Imperial de Pequín a causa dunha lei imposta pola filla do emperador. Un nobre sen reino e unha servente fiel loitarán contra a maldición da princesa do corazón de xeo. Un drama lírico de Puccini sitúanos na exótica civilización chinesa.