Ata o 10 de agosto, os Xardíns de Méndez Núñez son o epicentro da lectura na cidade da Coruña, coa inauguración da 40ª Feira do Libro. Das 37 librarías e editoriais participantes, KALANDRAKA ocupa a caseta número 36, a carón do posto de información e da carpa na que se celebran as actividades. Nesta edición, pois, os Libros para Soñar atópanse entre os primeiros, comezando o percorrido da feira polo final. Ambientada nas ilustracións de Mariona Cabassa para “A familia C” (III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado), a caseta de KALANDRAKA ofrécelles aos lectores unha ampla gama de posibilidades para todos os gustos e idades: libros de cartón duro para prelectores, como os da colección “Frederick” ou os novos de produción propia titulados “O Señor Don Nicanor” e “Artur”, que se van presentar o sábado 6 ás 18:30 horas e o luns 8 ás 19:00, respectivamente; clásicos recuperados como “Tío Elefante” de Lobel, “Que fai falta?” de Rodari, ou “Correo para tigre” de Janosh; no xénero da banda deseñada, destacan “Historias de Mestre Raposo 2”, “¡Me aburro!” ou “El señor Top”, para os entusiastas da novena arte; ou as incorporacións recentes no apartado de narrativa de FAKTORÍA K, que este verán propón a lectura de “1984” de George Orwell e “Noah Barleywater escapa da casa”, que se presentará tamén este xoves a partir das 19:30 horas. Feliz agosto, feliz lectura.