Nas librarías galegas atópase xa “1984”, unha emblemática novela de George Orwell, xunto con “A granxa dos animais”; ámbalas dúas editadas na colección de narrativa do selo FAKTORÍA K. A obra, traducida por Fernando Moreiras, e cun deseño de portada de Marc Taeger, xa está colleitando os eloxios da crítica.

“...Festexo esta tradución, de impecable factura e da que subliño as posibilidades que se lle poden tirar ao texto final titulado “Os principios da novafala”, porque permite, e permitirá, achegarse con garantías a unha auténtica alfaia da literatura universal, da que case todo xa se ten dito, comezando por adscribila a iso que se ten chamado “distopía” por oposición a “utopía”, é dicir, a descrición dunha sociedade totalitaria, ofegante e sometida ao control dun goberno ditatorial”. Ramón Nicolás, no blog “Caderno da crítica”.

Escrita en 1949, “1984” está considerada como unha das mellores novelas do século XX, e representa unha demoledora crítica contra toda forma de ditadura. Imaxinas unha sociedade na que o goberno che impoña como vestir, que nova lingua falar, como actuar, como pensar? En 1984 esa sociedade existe, chámase Oceanía e comparte o dominio da Terra con outras dúas superpotencias coas que adoita estar en guerra alternativamente: Eurasia e Oriasia. Londres é a principal cidade da Aeropista Un e na súa cerna está instalado o centro do poder do estado totalitario liderado polo Irmán Grande, ser omnisciente que controla a vida social e privada dos cidadáns grazas a un sistema de telepantallas instaladas por todas as partes.

Winston Smith, un funcionario do Ministerio da Verdade, descobre un día no seu traballo que vive baixo a gran mentira elaborada polo Estado. Desde entón actuará para acadar unha sociedade na que se poida falar, amar, vivir libremente. Haberá nesta vella, gris e uniforme Inglaterra máis seres coma el a soñar que OUTRO MUNDO É POSIBLE?

"...O apartamento quedaba no sétimo, e Winston, que tiña trinta e nove anos e unha úlcera varicosa sobre o nocello dereito, subiu devagar, parando a descansar varias veces. En cada andar, fronte ao ascensor, o cartel coa enorme cara observábao desde a parede. Era unha desas imaxes aqueladas de xeito que os ollos te seguen ao moverte. Ao pé puña: «O IRMÁN GRANDE VIXÍATE». No apartamento, unha sonora voz lía unha lista de cifras relacionadas coa produción de ferro en lingotes..."

George Orwell (Motihari, India, 1903-Londres, 1950) foi xornalista, columnista, ensaísta e crítico literario, o seu nome real era Eric Arthur Blair. Foi un dos escritores europeos máis importantes do século XX. Comprometido coas causas a prol da liberdade e da xustiza social e en contra dos totalitalismos, a obra literaria de Orwell reflicte en cada momento a súa ideoloxía, claramente anti-imperialista. A súa extensa obra componse principalmente de escritos e ensaios publicados en diferentes revistas e xornais ingleses: ‘Down and Out in Paris and London’, ‘The Road to Wigan Pier’. Na obra ‘Homage to Catalonia’, Orwell describe as súas experiencias durante a Guerra Civil en España. Xa daquela denunciaba o sectarismo stalinista e a represión sobre o movemento anarcosindicalista. En 1984, Orwell preséntanos por vez primeira o concepto do «Irmán Grande», o ollo que todo o ve, na sociedade autoritaria. Foron precisamente esta obra premonitoria, “1984” (1949), e “A granxa dos animais” (1945), as novelas que o consagraron como un dos grandes novelistas contemporáneos.