Tanxarina impartirá un curso de sombras chinesas en LPS

O grupo de títeres Tanxarina ofrecerá en LIBROS PARA SOÑAR de Vigo un curso de sombras chinesas, do 13 ao 15 de abril, en horario de 18 a 20 horas. Esta semana remata o prazo de inscrición, ata completar o límite de prazas. O prezo das sesións é de 35 euros. Os destinatarios do curso son docentes, especialistas en animación á lectura e tempo libre, bibliotecarios e público en xeral.

Tanxarina, fundada en 1983, é unha das compañías máis prestixiosas de teatro de títeres en Galicia, con proxección a nivel nacional e internacional. Ten representado numerosos espectáculos e impartido cursos sobre diversas técnicas de títeres, caretas e cabezudos. Na súa traxectoria ten actuado en festivais ao longo de toda España e Portugal, e diversos países de Hispanoamérica e Europa.

O curso que Tanxarina vai impartir en LIBROS PARA SOÑAR abordará cuestións teóricas e prácticas sobre a montaxe, a luz, a posta en escena e a escenificación. Entre os materiais que se utilizarán figuran cartulinas e cartóns, aramios, fíos e variñas, ademais de pantallas e panos para a proxección.

Exemplos da sesión que impartirá Tanxarina en Libros para Soñar

LIBROS PARA SOÑAR. Rúa Triunfo, 1. Vigo | Tlf 986 43 37 68 | lps@kalandraka.com