Con motivo da celebración do DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER, este mércores 21 de setembro, MIGALLAS presenta o álbum titulado “UN AVÓ ESPECIAL”, baseado nunha obra teatral homónima para público infantil e familiar. “Un avó especial” representarase no Centro Sociocultural da Ramallosa, no concello de Teo (A Coruña), este venres día 23, a partir das 18:30 horas. 

Aborda unha doenza grave que lle afecta a unhas 50.000 persoas en Galicia; unha cifra que acada as 450.000 no conxunto de España, o que supón entre un 5 e un 7% da población maior de 65 anos, segundo a Fundación Alzheimer España. Non obstate, “Un avó especial” tamén ten un enfoque humorístico que persegue fomentar actitudes optimistas para afrontar os problemas da enfermidade. Ademais, trata sobre a relación entre os nenos e os vellos en xeral, que son representados como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo, fronte á uniformidade cultural. Ditos e cantigas populares son elementos fundamentais nesta transmisión.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Azheimer e outras demencias de Pontevedra (Afapo), que pertence á Federación de Asociación Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (Fagal), colaborou no asesoramento técnico da obra teatral. O libro posterior, que foi editado por Migallas Teatro co deseño, produción e distribución de KALANDRAKA, xa se atopa nas librarías galegas.