O ilustrador Pablo Otero (Ourense, 1970) imparte un obradoiro de gráfica creativa a escolares de 1º ciclo da ESO dos IES Castro da Uz e Moncho Valcarce, e do CPI Monte Caxado, de As Pontes, que están a participar na campaña “Palabras no ar” de KALANDRAKA, no marco do programa de animación lingüística Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A partir dunha reflexión inicial sobre a nosa lingua e a idea de colectividade, os alumnos e alumnas traballan arredor da identidade persoal empregando unha fotografía de si mesmos, sobre a que debuxan, colorean, recortan e aplican diversos elementos decorativos, para representar unha palabra galega escollida por eles.

 

Polos seis talleres de gráfica creativa que se están impartindo ata o próximo luns día 8 na Biblioteca Municipal de As Pontes, van pasar máis de 150 escolares dos 400 aos que chega “Palabras no ar” no seu conxunto. A campaña compleméntase con obradoiros de oralidade e de escrita e, ademais, co material sonoro, literario e artístico que elaboren os alumnos, vanse crear os contidos do blog www.palabrasnoar.org e unha serie de programas de radio que se emitirán na emisora local.

Pablo Otero, que estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, expón a súa obra en salas e museos de toda Galicia. Ten ilustrado álbums infantís como “Mateo” (finalista do Premio Llibreter) e “O príncipe das sombras”, ademais do libro “ABCdiario”, do que tamén é autor; os tres editados por KALANDRAKA. Recibiu o Premio de Escultura Arte Xoven de Ourense, o Premio María Casares de Escenografía e un accésit do Premio Lazarillo.

A actividade que Pablo Otero lles propón aos participantes neste obradoiro gráfico parte do libro “Imaxina animais”, de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, e do concepto de “binomio fantástico” do pedagogo Gianni Rodari. Unindo palabras que nada teñen que ver entre si para crear termos imaxinarios, ou descontextualizando unha palabra do seu significado orixinal, os alumnos exercitan a súa creatividade, crean xogos lingüísticos e mesmo afondan na súa imaxe e na súa identidade individual.

O obradoiro comeza escollendo unha palabra distinta para cada un e analizando a súa definición. De seguido, os escolares son fotografados e, sobre o seu retrato impreso, aplican diversas técnicas gráficas, como a pintura con ceras ou o collage, para interpretala. Ademais de actuar como canle de expresión da mocidade, esta proposta dinámica permite reunir un amplo abano de iconografías e artellar un abecedario colectivo.