PREMIO PLÁCIDO CASTRO DE TRADUCIÓN
Posted:
September 05, 2022
Categories:
Premios
A novela “Canto eu e a montaña baila”, con tradución de María Alonso Seisdedos a partir do texto en català -Canto jo i la muntanya balla- de Irene Solà, vén de recibir o XX Premio Plácido Castro. É o segundo recoñecemento que obtén a tradutora por este traballo publicado por KALANDRAKA, tralo Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 na categoría de obra traducida.
O xurado salientou “o valor da novela, de apariencia sinxela, pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión”. Tamén destacou que “logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal”.
O Premio Plácido Castro súmase á prestixiosa traxectoria de María Alonso Seisdedos, distinguida co Premio Nacional de Tradución 2014 do Ministerio de Cultura e co Premio Xela Arias 2018 da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación.
O Premio Plácido Castro de Tradución, consolidado como un “referente no sistema literario galego”, entregarase en Vilagarcía o próximo 30 de setembro co gallo do Día Internacional da Tradución.
Comment(s)