CLAUSURA DA XV CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA EN COMPOSTELA
O equipo de animación á lectura de KALANDRAKA, formado pola narradora Patricia González e os músicos Álex Fente e Paco Nogueiras, foi o encargado de pórlle o broche de ouro á XV Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago que, co lema "Ler é voar", se desenvolveu dende o pasado 29 de marzo na Galería Sargadelos, organizada polo Departamento de Educación. Ducias de nenos e nenas, coas súas nais e pais, participaron nunha sesión de contos e música, cunha actuación inicial do alumnado da Escola Municipal de Música.
"Ícaro", de Federico Delicado, "Quen é ese becho?", de Carmen Queralt, e os contos tradicionais "Chibos Chibóns" e "Once damas atrevidas, conformaron o repertorio desta actividade, amenizada con música e cancións expresamente compostas polo equipo de animación á lectura de KALANDRAKA, que invitaron o público infantil e adulto a participar coreando os retrousos.
Máis de 5.000 escolares de Santiago e da bisbarra compostelá participaron nas sesións de contacontos, nos obradoiros de escrita e plástica creativa e nas visitas guiadas á exposición de ilustracións e libros. O programa completouse con actividades formativas para o profesorado e sesións de animación á lectura abertas á participación da cidadanía en xeral, como contacontos para público familiar e contacontos específicos para bebés.
[Preme 'Seguir lendo' para ver a reportaxe fotográfica completa]
Ademais de Patricia e Álex, tamén Paco Nogueiras se sumou á sesión de contos e música, que comezou cunha última homenaxe á obra galardoada co VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.
...Adeus, Ícaro! Voa moito e moi alto!
Hai bechos elegantes, sabichóns, narigudos...
E o becho máis importante de todos! Ese becho es... ti!
Outro personaxe moi querido que nos acompañou nesta XV Campaña foi "O patiño feo". Tamén del nos despedimos...
Quedaban máis contos e máis cancións! Había unha vez tres chibos chibóns que vivían nunha montaña...
Dixémoslle adeus a Mara, a protagonista de "Orellas de bolboreta", que marchaba de viaxe coas "Once damas atrevidas". Tan aventureiras eran, que en cada lugar que visitaban ía quedando unha: once, dez, nove, oito...
Logo de despedirnos dos contos e dos personaxes que os protagonizan, chegou o momento de despedirse tamén do público. Moitas grazas, nenos e nenas, mamás e papás!