XI CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA DE SANTIAGO
A XI CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO CONCELLO DE SANTIAGO CONTARÁ CO PRESTIXIOSO ILUSTRADOR ITALIANO ROBERTO INNOCENTI
A programación, do 14 de marzo ao 30 de abril, inclúe sesións de contos para escolares, familias e educadores, obradoiros, exposicións e encontros con creadores
O 8 de abril anunciarase a obra gañadora do IV Premio Internacional Compostela
A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación do Concello de Santiago e mais Kalandraka, coa colaboración da Galería Sargadelos e da Deputación da Coruña, comeza este próximo 14 de marzo e vaise prolongar ata o 30 de abril, con sesións de contacontos e obradoiros para escolares, xornadas formativas para o profesorado, exposicións, encontros con ilustradores e actividades abertas ás familias. A principal novidade desta edición, co lema “Contando e cantando coa Familia C”, en alusión á obra que en 2010 gañou o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é a presenza do prestixioso artista plástico italiano Roberto Innocenti, Premio Hans Christian Andersen.
Innocenti vai ofrecer unha conferencia o 7 de abril ás 19:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Santiago, presentado polo narrador, editor e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, Federico Martín Nebras. Ao día seguinte, 8 de abril, vai ser un dos membros do xurado que decidirá o fallo do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que na pasada edición recaeu no autor Pep Bruno e na ilustradora Mariona Cabassa pola obra titulada “A Familia C”.
Roberto Innocenti (Florencia, 1940) é un dos ilustradores máis sobranceiros da actualidade, con libros como “A historia de Erika”, “As aventuras de Pinocho” ou “La casa”, editados por Kalandraka. De formación autodidacta, comezou a súa traxectoria artística aos 18 anos. Foi deseñador, grafista publicitario e cartelista. Os seus traballos ilustraron os textos de escritores tan senlleiros como Eta Hoffmann, Charles Perrault, Oscar Wilde, Christophe Gallaz ou Charles Dickens. Admirado en todo o mundo, recibiu os premios artísticos máis prestixiosos: a Mazá de Ouro da Bienal de Bratislava, a Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York e o Premio Internacional de Ilustración Hans Christian Andersen en 2008.
A concelleira de Educación do Concello de Santiago, resaltou a importancia da Campaña Municipal de Animación á Lectura como unha iniciativa “xa consolidada” despois de once anos, e considerouna “imprescindible e irrenunciable” dentro da planificación municipal. Para o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros trátase dun “canto á creatividade” que pretende “formar futuros cidadáns, para que sexan imaxinativos, mais tamén críticos”. Nesta ocasión, a Galería Sargadelos vaise converter “nun pequeno museo” cunha ambientación circense, vencellada á temática do libro “A Familia C”.
ACTIVIDADES ESCOLARES
Na liña dos últimos anos, a XI Campaña Municipal de Animación á Lectura agarda a asistencia de máis de 5.000 nenos e nenas de Santiago e da súa bisbarra, máis os adultos que acudan ás actividades formativas e abertas ao público. Para o persoal docente das escolas participantes celebrarase unha sesión de presentación, este luns 14 de marzo ás 18:30 horas na Galería Sargadelos. Ese mesmo día, a partir das 10:00 horas na Galería Sargadelos, comezarán tamén as actividades para o alumnado de Educación Infantil e Primaria. Os cativos serán os protagonistas das sesións de contacontos e música que se realizarán no espazo das exposicións de libros e ilustracións. Os álbumes destacados nesta edición son “A Familia C”; “Bailar nas nubes”, da Vanina Starkoff, finalista do III Premio Internacional Compostela; "Mago Goma", do lucense Toño Núñez e Adrià Fruitós; “Pancho”, de Antonio Santos (II Premio Nacional de Ilustración 2003); “Compostela”, do coruñés David Pintor; e “O paraugas amarelo”, de Joel Franz Rosell e Giulia Campolmi, unha obra inédita que sairá do prelo proximamente.
Para os escolares de segundo ciclo de Educación Primaria deseñáronse obradoiros de ilustración que vai impartir o artista plástico Óscar Villán, afincado na bisbarra compostelá. A partir das imaxes que ilustran o caderno de viaxe “Compostela”, realizaranse obradoiros de escrita creativa coordinados por Alberto Barreiro. Outra das actividades importantes son os encontros co ilustrador ourensán Pablo Otero, que se van celebrar nas escolas infantís de Conxo (28 de marzo), San Roque (29 de marzo), Fontiñas (30 de marzo), Polígono do Tambre (31 de marzo) e Trasparlamento (1 de abril).
SESIÓNS ABERTAS
Entre as facetas máis valoradas polo Departamento de Educación do Concello de Santiago á hora de artellar o programa, está o carácter participativo da Campaña Municipal de Animación á Lectura, que inclúe sesións abertas ao público. Tralo éxito e a demanda das sesións de contos para bebés que se implantaron o ano pasado, realizaranse dúas actividades de contos para nenos e nenas de 0 a 3 anos, acompañados dun adulto, arredor de títulos específicos para esa franxa de idade, como a colección “Do berce á lúa”, de Kalandraka: o sábado 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, ás 11:00 e ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos. O aforo será limitado, polo que as persoas interesadas deben dirixirse ao Departamento de Educación para realizar a reserva.
Ademais, haberá unha xornada de contos e música para as familias, o sábado 9 de abril, a partir das 12:00 horas. A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura vaise clausurar o 30 de abril, cun acto lúdico na Galería Sargadelos e no Casino de Santiago, a partir das 12:00 horas. Festexarase o 11º aniversario da campaña cunha sesión de contos, amenizada coa música dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.
O obxectivo da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura é achegar o libro e á lectura aos nenos e nenas nun clima motivador e creativo, inculcarlles o aprezo polas producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural nun contexto crítico e selectivo, e promover a tradición e a expresión oral da lingua.
NOTA INFORMATIVA EN GALEGO (PDF)
NOTA INFORMATIVA EN ESPAÑOL (PDF)
PROGRAMA XI CAMPAÑA "CANTANDO E CONTANDO COA FAMILIA C" (PDF)