Os escolares de Pontevedra despedíronse xa das aulas por este curso académico e teñen por diante un plácido verán para descansar, repasar leccións quen teña que recuperar materias... e ler moito. Tamén a campaña “O Cartafol do Lérez” -organizada pola Concellería de Educación e KALANDRAKA- fai unha paréntese para preparar novos obradoiros, para artellar outras propostas de achegamento ao libro e á lectura, para compartir co profesorado estratexias novidosas de traballo co alumnado. A edición impresa do xornal “O Cartafol do Lérez” chegou hai uns días aos centros de Educación Infantil e Primaria e os rapaces xa poden apreciar as súas propias creacións e as dos seus compañeiros. A partir do próximo mes de setembro, os colexios poden sumarse á campaña: é o caso dos nenos e nenas do CEIP Marcos da Portela, que poderán participar na creación de contos fantásticos, coplas renovadas, noticias imaxinarias... e adiviñas de animais fluviais como as que se recompilan nunha interesante montaxe audiovisual. Para xogar con estes acertixos elaborados polos escolares de 5ºB do CEIP Manuel Vidal Portela, e baseados na lectura da colección “Pequechos” de FAKTORÍA K, basta con acceder ao blog de “O Cartafol do Lérez” no enderezo www.ocartafoldolerez.org.

  

(Adiviña animais do río. do blog de O Cartafol do Lérez).