"A cidade dos nenos", de Francesco Tonucci.

O prestixioso educador e psicopedagogo italiano Francesco Tonucci visitará Galicia esta semana para presentar o seu proxecto "A cidade dos nenos" e o libro do mesmo título, traducido ao galego por Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez.

Francesco Tonucci é autor de numerosos libros sobre a infancia na sociedade actual. Graduado en Pedagoxía en 1963, traballou como mestre e dirixiu o Departamento de Psicopedagoxía do Consello Nacional de Investigación italiano. Desde 1991 realiza na súa cidade natal de Fano o proxecto «A cidade dos nenos».  En 1997 foi nomeado presidente do Comité Italiano de Televisión e Menores, para a protección da infancia. Colabora coa Cidade da Ciencia de Nápoles e co seu Laboratorio dos nenos; é asesor científico do proxecto «O museo dos nenos» de Roma e doutras entidades vencelladas ao Proxecto Internacional da Cidade dos Nenos. Nos últimos anos vén realizando unha gran difusión das súas investigacións a través de distintas obras que, desde o italiano, tradúcense a outras linguas.

Tonucci en Pontevedra

A primeira cita co público será no marco do Salón do Libro de Pontevedra, cunha conferencia titulada "A cidade dos nenos: unha nova filosofía de goberno da cidade". Tamén intervirán o profesor e autor do limiar do libro,  Antón Costa, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que asina a introdución da obra:

"Despois da transformación, Tonucci volveu a Pontevedra e paseou por esta cidade con nenos polas rúas, camiñando e xogando sós, sen a constante vixiancia que noutros ámbitos urbanos é precisa para preservar a súa seguridade. Unha cidade que promove o camiñar como o principal modo de transporte interior e que organizou un sistema de camiño escolar para que a maioría dos alumnos vaian ao cole a pé, sós, seguros e confiados, percibindo a cidade tal como é, libre de ameazas e perigos. A súa impresión foi o diagnóstico dun experto de enorme talla que vía cómo a filosofía da súa obra fóra aplicada nunha cidade galega casi con precisión milimétrica..."

[Fragmento do limiar de Miguel Anxo Fernández Lores ao libro "A cidade dos nenos", de F. Tonucci]

Entrevista a F.Tonucci realizada por María Varela (Diario de Pontevedra), marzo 2015.

"...Que un grupo de alumnos e alumnas de 4º ou 5º de Primaria, representantes das escolas da cidade elixidos por sorteo, se reúnan cada quince días cun adulto para discutir como funciona esta cidade e que é o que a lesl lles parece que non funciona. Isto sería unha maneira coherente de interpretar o artigo 12 da Declaración dos Dereitos do Neno. Á pregunta como é esta cidade para os nenos non podemos dar os adultos todas as respostas necesarias, necesitamos o punto de vista dos nenos. O consello infantil ten o obxectivo de molestar o alcalde, porque trátase de levar as críticas do que non vai ben na cidade".

[Fragmento da entrevista a Francesco Tonucci realizada por María Varela e publicada no suplemento A Revista do xornal Diario de Pontevedra, 8 de marzo 2015]

Tonucci en Compostela

Tralo seu paso por Pontevedra, o venres día 13 Franceso Tonucci desprazarase a Santiago de Compostela para presentar o seu libro “A cidade dos nenos”, ás 13:00 horas na Facultade de Ciencias da Educación. Acompañarano a decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, María del Carmen Fernández Morante, xunto con Antón Costa e Mónica Baleirón.

O autor explica nesta obra a posta en marcha do proxecto “A cidade dos nenos” en Fano, coa creación dun Consello Municipal da Infancia, para que os máis novos puideran colaborar no deseño e na planificación dos servizos e dos espazos urbanos. Seis anos despois, a iniciativa comezou a estenderse polo resto de Italia e por España, Arxentina, Chile, Colombia, México, Paraguai, Uruguai e Perú, entre outros países.

Partindo da filosofía de que unha cidade á medida da infancia redunda nunha maior calidade de vida para toda a veciñanza, Francesco Tonucci -que foi colaborador de figuras tan destacadas como Gianni Rodari e Mario Lodi- avoga por favorecer que os nenos e nenas poidan ir sós á escola, que recuperen o tempo de lecer, que xoguen nos espazos urbanos recuperados para o uso peonil, entre outros retos alternativos á sobreprotección coa que son tratados habitualmente.

A publicación consta consta de tres partes: unha primeira sobre o descontento ante o modelo convencional de cidade; outra coas propostas de cambio; e finalmente, as experiencias xurdidas da execución do proxecto. Complétase co texto da Convención sobre os Dereitos do Neno, cunha “carta aberta á cidadanía de Fano” apelando á súa colaboración, e co artigo “A planificación para as distintas etapas da vida” do sociólogo Lewis Mumford.