Rosalía de Castro naceu tal día coma hoxe, 24 de febreiro, de 1837. A colección 13 Lúas de FAKTORÍA K DE LIBROS adicoulle a esta emblemática autora o primeiro volume dunha serie de poemarios, ilustrados con talento e delicadeza; editados con xeito e agarimo. Grazas á colaboración da Fundación Rosalía de Castro e á achega artística de Belén Padrón, os lectores e lectoras poden gozar de 13 das súas composicións máis senlleiras, coma 13 lúas, unha por cada mes do calendario lunar: Nasín cando as prantas nasen - Maio Longo - Adiós ríos, adiós fontes - Mais ve que o meu corazón - Pra a Habana - Soia - Cando penso que te fuches - Campanas de Bastavales - Que pasa ao redor de min - Unha vez tiven un cravo - Tecín soia a miña tea - Tal como as nubes - Cando era tempo de inverno.

Rosalía de Castro, Escolma Poética” invítavos a ler este libro e, despois, a deixalo descansando nun atril, aberto nunha das súas ilustracións, que representaa lectura que Belén Padrón fixo das palabras da poeta, para deleite dos nosos ollos e da nosa mirada máis persoal.

 

Cando penso que te fuches

negra sombra que me asombras,

ó pé dos meus cabezales

tornas facéndome mofa...

(Cando penso que te fuches, de "Follas Novas")

Fráxil e profunda, Rosalía de Castro transitou pola vida con palabras de revelación e misterio, de xeito adverso. Nun país sen voz propia, foi a primeira en atopar o nome non escrito das nosas cousas. Os libros “Cantares gallegos” e “Follas novas”, aos que pertencen os poemas desta escolma, son textos reivindicativos, que enxalzan a terra, a muller galega, os nenos, os vellos, os desposuídos... A poeta muller nunha Galicia analfabeta no seu idioma, a muller orfa de nenez, de saúde precaria e agoniada polas penas, que asumiu a defensa e canto do país, é un mito das letras e da galeguidade, en calquera recuncho do mundo.

Belén Padrón dálle forma e cor a cada poema, plasmando nas súas ilustracións a súa visión do imaxinario ‘rosaliano’. Imaxes de contido onírico e simbólico, sobre o desamor, a morriña, a beleza da paisaxe, a vida da paisanaxe, as inxustizas sociais, a saudade, o desacougo interior... Un libro que se pode expoñer na casa aberto nunha mesa, nun atril... para que ao pasar, os seus versos e estampas nos enchan coa súa presenza.

Nasín cando as prantas nasen,

no mes das froles nasín,

nunha alborada mainiña,

nunha alborada de abril...

(Nasín cando as prantas nasen, de "Cantares gallegos")

ROSALÍA DE CASTRO (Santiago, 1837 - Padrón, 1885): Iniciou a súa formación na Sociedade Económica de Amigos do País e frecuentou o Liceo da Xuventude, onde estivo en contacto cos intelectuais da época. Casou co galeguista Manuel Murguía en 1858 e comezou a escribir os seus primeiros poemarios. A publicación de “Cantares gallegos” en 1863 marcou o inicio do primeiro Rexurdimento galego, nun momento de esperanza no futuro, que crebou co fracaso da Revolución do 68 e a Restauración. As dificultades económicas e as diverxencias entre o galeguismo progresista, que defendía Murguía, fronte ao conservador de Lamas Carvajal, afastárona das súas colaboracións na prensa galega. O seu derradeiro poemario galego, “Follas Novas”, publicouse na Habana e Madrid en 1880. O seu legado literario contén unha importante obra en español, tanto poética, como narrativa. Os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres. No centenario da publicación de “Cantares gallegos” a Real Academia Galega consagrou o 17 de maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foi adicado na súa primeira edición.

BELÉN PADRÓN (Oviedo, 1976): Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, acadou o Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Na actualidade vive en Lanzarote, onde concilia o seu labor artístico co docente. Ten exposto en diversas cidades dentro e fóra de Galicia -onde ten as súas raíces- e a súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas. Ademáis, ilustrou varios libros para editoriais como KALANDRAKA. Entre outros, acadou un premio adquisición no II Premio Nacional de Pintura Fundación María José Jove no 2007, e o 1º Premio de Pintura Eixo Atlántico no 2000. Ademáis de bolsas como a de Novos Valores da Deputación de Pontevedra, a Beca Talens de Barcelona ou a Bolsa de Paisaxe do Balneario de Mondariz en 1999.

Vendéronlle os bois,

vendéronlle as vacas,

o pote do caldo

i a manta da cama...

(¡Pra a Habana!, de "Follas Novas")