"Onde nunca é mañá", de Manuel Álvarez Torneiro, presentación na Coruña.

O poeta coruñés Manuel Álvarez Torneiro presentará o seu novo libro, “Onde nunca e mañá”, publicado na colección Tambodo selo editorial Faktoría K, este venres 6 de xuño ás 20:00 horas en Portas Ártabras. Trátase dunha obra na que o autor -galardoado en 2013 co Premio Nacional de Poesía- volve afondar na súa memoria para rastrexar o pasado dende o compromiso coa exactitude da palabra.

Na presentación de “Onde nunca é mañá” participarán tamén o director da colección Tambo, Luís Rei Núñez, e a profesora Teresa Seara, que ademais traduciu ao castelán o anterior poemario de Álvarez Torneiro, “Os ángulos da brasa”, para a editorial Visor Libros.

Sumando xa a súa cuarta reimpresión en galego, “Os ángulos da brasa” fora galardoado co Premio Ánxel Casal de Poesía 2012, Premio da Crítica Española 2012 e Premio de Poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012; un ronsel de recoñecementos que culminou co Premio Nacional de Poesía 2013.

No seu último poemario, Manuel Álvarez Torneiro busca dun xeito máis claro a exquisitez da naturalidade a través da aproximación dos versos á cadencia do sermón. A súa vivencia da música e da arte, a súa característica enumeración de conceptos paradóxicos e un amplo abano de imaxes poderosamente metafóricas marcan tamén “Onde nunca é mañá”, convertido nun inventario de alentos e latexos dun poeta en constante batalla a favor da vida.

Destaca na edición do libro a presenza de debuxos inéditos do pintor coruñés Alejandro González Pascual, co que Álvarez Torneiro tivo moita amizade.

Trala presentación na Coruña, “Onde nunca é mañá” presentarase tamén na Libraría Couceiro de Santiago, o vindeiro xoves 12 de xuño ás 20:00 horas.

Presentación de "Estrela do norte", de Luís Rei Núñez.O autor

Luís Rei Núñez presentará o seu novo poemario, “Estrela do norte”, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K de Libros, nun serán literario-musical que se celebrará este mércores 11 de xuño, ás 20:00 horas, no Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira), en Pontevedra. Na presentación participarán a escritora Fina Casalderrey, membro da Real Academia Galega, e o músico Luís Soto, frautista da Real Filharmonía de Galicia.

Os poemas de “Estrela do norte” transitan nun espazo fuxidío entre a tradición -de raíz tanto culta como popular- e a contemporaneidade. Son composicións marcadas pola métrica e pola rima, co propósito de achegar os lectores ao territorio das emocións a través dunha traballada musicalidade. O resultado é unha obra deliberadamente figurativa e impregnada dunha certa melancolía, coa que Luís Rei Núñez retorna ao xénero lírico once anos despois do seu último poemario, “Alma mareira” (2003).

Luís Rei Núñez (foto de Alba Sotelo).

Luís Rei Núñez iniciou a sua traxectoria literaria en 1982 e, trala publicación de “Para matar ao tempo”, publicou outros tres libros de poemas: “Arca dos faiados” (1985), “A rolda invisible” (1988) e “A casa da brétema” (1994), reunidas logo nun único tomo titulado “A rolda invisible” (2000). Ademais, é autor dunha extensa obra narrativa na que destacan “Expediente Artieda” (2000), “Toda a vida” (2005), “O señor Lugrís e a negra sombra” (2007), “Monte Louro” (2009), “Cita en Fisterra” (2011) e “Días que non foron” (2013), aos que hai que engadir a biografía de Rafael Dieste “A travesía dun século” (1987) e o volume de ensaios “Poetas Andantes Navegantes” (1995). Recibiu os premios Xerais, Blanco Amor e da Crítica Española, entre outras distincións.

Tralo recital en Pontevedra, “Estrela do norte” presentarase tamén na Libraría Couceiro de Santiago, o vindeiro xoves 12 de xuño ás 20:00 horas.