A presentación de “Artur” (FAKTORÍA K) en Cangas foi un grande éxito de público. Cativos e adultos, familiares, amigos e veciños, alumnos e alumnas de Xosé Manuel González ‘Oli’, arroupárono con agarimo e entusiasmo na presentación do seu último libro infantil, celebrada na sala Salasón, da súa vila natal. Unha incidencia familiar impediu que puideramos contar co ilustrador da obra, Marc Taeger. Colaborou neste acto o músico Nicolás Martínez, que acompañou a ‘Oli’ a ritmo de vibráfono mentres narraba a historia, chea de tenrura e sensibilidade, deste poliño, no seu esforzo por abrir a casca do seu ovo, por nacer e descubrir un mundo que, malia que pareza enorme e frío, malia que produza algo de medo, tamén resulta un lugar acolledor. Esta noite, como Artur, todos e todas nós puidemos durmir e soñar arroupados por un confortable "edredón de plumas".

 

(Con agradecemento a Xosé Bangueses, autor de parte das fotografías que figuran neste artigo).