Escola Municipal Infantil "O coelliño branco", en As Fontiñas (Santiago)

Tralas vacacións de agosto, o equipo animación á lectura de KALANDRAKA que traballa na campaña de animación lingüística PALABRAS NO AR retoma o contacto cos escolares composteláns para rematar nestres días as actividades que comezaran o pasado mes de xullo. Recorremos novamente a Rede Municipal de Escolas Infantís e os CEIP Pio XII, López Ferreiro e Fontiñas para achegarlles aos máis cativos a lingua galega mediante un programa lúdico artellado en torno á literatura, á música e á creación.

A primeira actividade programada -unha sesión de contos con música- tivo lugar esta semana na Escola Infantil Municipal “O Coelliño Branco” no barrio das Fontiñas. Antes da sesión, contemplamos con admiración o gran mural pintado o curso pasado no corredor central da escola polo ilustrador Pablo Otero (“Mateo”, “O Príncipe das sombras”, as dúas obras en KALANDRAKA) coa axuda dos nenos e nenas do centro.

Mural do ilustrador Pablo Otero na Escola Infantil "O coelliño branco", de Santiago

E logo chegaron, ao ritmo da música, contos como “Paco”, “O poliño da abeleira”, “Lúa”… que foron xurdindo co acompañamento da pandeireta, o acordeón e a frauta. Foi unha inesquecible xornada de volta ao cole, tanto para os alumnos e alumnas como para as súas mestras.

As seguintes actividades realizáronse na biblioteca do CEIP de Fontiñas. Un grupo de escolares de 4 a 8 anos que estes días participan nas actividades da Escola de Verán tiveron a oportunidade de escoitar a Alberto e a Patricia contando e cantando. Despois dos contos e da música, os rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria participaron nun obradoiro de escrita creativa.

Alberto co acordeón, e Patricia cos contos, na campaña PALABRAS NO AR

O Blog de PALABRAS NO AR irá recollendo sucesivamente cantas novidades acontezan ao longo desta nova etapa da campaña que, tras Santiago, se desenvolverá en Allariz, do 21 de setembro ao 2 de outubro.