O artista plástico ourensán Pablo Otero vai presentar mañá venres, 3 de febreiro, a partir das 18:30 horas, na libraría infantil Zampacontos de Ourense, a obra “Contos por teléfono”, da que é ilustrador. Trátase dun libro de relatos breves do mestre e escritor italiano Gianni Rodari, considerado un dos piares da pedagoxía moderna.

“Contos por teléfono”, publicado por Kalandraka nunha edición especial, é un dos referentes mundiais da Literatura Infantil e Xuvenil, no que o autor xoga coa imaxinación, o surrealismo e o sentido do humor. A obra vén de ser elixida, polos lectores da web Fervenzas Literarias, como o mellor libro infantil traducido no ano 2011.

Os primeiros compradores do libro serán obsequiados cun deseño artesanal, numerado e asinado polo ilustrador. Para esta ocasión, Pablo Otero vai realizar unha pequena intervención artística no escaparate de Zampacontos, con elementos tridimensionais creados expresamente para o libro, e con ilustracións orixinais dos contos.

Pablo Otero (Ourense, 1970) estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Expuxo os seus debuxos, esculturas e pinturas en diversas galerías. Obtivo unha mención de honra no Premio Llibreter por “Mateo”, editado por Kalandraka, onde tamén publicou as ilustracións de “O príncipe das sombras” na colección 7 leguas e “ABC diario” na serie Alfabetos. Gañou o 1º Premio de Escultura no I Salón de Arte Xoven de Ourense (1992), o María Casares de Escenografía (1999) e un accésit do Premio Lazarillo.