A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago chega esta semana ás Escolas Infantís. O ilustrador Pablo Otero visitou a Escola Infantil Municipal de Conxo para converter os seus alumnos e alumnas nos protagonistas dun circo moi especial: o Circus Conxo. Na liña da imaxe circense desta campaña, co lema “Contando e cantando coa Familia C”, Pablo Otero propúxolles aos nenos e nenas elaborar un mural colectivo a base de elementos adhesivos de cores e formas diferentes que foron pegando nas súas respectivas fotografías, creando una composición orixinal e divertida que vai quedar ocupando un lugar destacado na propia escola.

 

Tralo paso de Pablo Otero pola Escola Municipal Infantil de Conxo, séguelle o martes a visita á de San Roque, o mércores á de Fontiñas, para rematar o xoves 31 na Escola Infantil do Polígono do Tambre, e o venres 1 de abril na de Trasparlamento. Trátase dunha experiencia moi interesante e enriquecedora para os nenos e nenas desa idade tan temperá, que se achegan de forma incipiente á arte e comezan a espertar a súa creatividade.

Pablo Otero (Ourense, 1970) estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa obra exponse en museos e salas de toda Galicia. Ilustrou varios álbums infantís, entre os que destacan “Mateo” (finalista do Premio Llibreter) e “O Príncipe das sombras”, ademais do libro “ABCdiario”, do que tamén é autor; os tres editados por KALANDRAKA. Outra das súas facetas é a elaboración de escenografías para montaxes teatrais.