Indignádevos! ”, de Stéphane Hessel, traducido ao galego por Fernando Moreiras e prologado por Manuel Rivas, enfila xa a súa segunda edición en galego, un mes despois de saír á luz no selo FAKTORÍA K. O autor vén de presentar a obra en Madrid, onde a nosa compañeira Belén Sáez lle entregou a Stéphane Hessel un exemplar do libro, co deseño exclusivo de Marc Taeger. "Os mozos de agora xóganse a liberdade e os valores máis importantes da humanidade", advertiu o intelectual francés, diplomático e heroe da Resistencia antifascista.

 

Aos seus 93 anos, Hessel desexa que a mensaxe do seu manifesto “se contaxie” por todo o mundo. Vai por ese camiño: dous millóns de exemplares vendidos en Francia, traducido en galego (Faktoría K), castelán e catalán (Destino), eusquera (Cenlit); publicado nunha vintena de países en Europa, América e Asia, e pronto tamén en Oceanía.

Coa “liberdade de pensamento” como bandeira para conquerir un futuro mellor, na súa intervención apelou á xente nova para que supere o “desánimo” e a “indiferenza”. Con voz pausada e semblante sorrinte, Stéphane Hessel confía no xurdimento dunha “xuventude non violenta, pero eficaz” nos países árabes, á que pon como exemplo dos desexos de liberdade e xustiza.

“Indignádevos!” aparece “nun momento crucial da evolución da sociedade mundial” e, para o seu autor, os principios e os valores polos que loitou “son hoxe máis necesarios que nunca”, tendo en conta que, ademais, “están en perigo”. Porque a indiferenza é, para el, “a peor das actitudes”. Non en van, Stéphane Hessel (Berlín, 1917) desempeñou un destacado papel na Resistencia francesa durante a II Guerra Mundial. Foi detido, torturado e deportado a tres campos de concentración; fuxiu dunha morte segura e, tralo conflicto bélico entrou no corpo diplomático, o que lle permitiu participar na redacción, en 1948, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Entre as súas preocupacións actuais, Hessel denuncia a “dictadura dos mercados financeiros, que ameaza a paz e a democracia” e critica que “os cartos son o deus desta civilización”. Pero a súa envexable bagaxe persoal e intelectual, que abarca a súa admiración por Walter Benjamin, por Jean-Paul Sarte ou Georg Hegel, faille botar man do seu “optimismo natural” para afrontar a realidade, porque “todo aquilo que é desexable, é posible”.

De aí a súa máxima vital, que comparte con todos os lectores de “Indignádevos!”: “Crear é resistir. Resistir é crear”.