"Ocupa a Economía": R. Wolff - D. Barsamian (Faktoría K).

A colección Ágora K do selo FAKTORÍA K vén de incorporar un novo título: “Ocupa a economía. Cuestionando o capitalismo”, unha conversa entre o economista Richard Wolff e o xornalista David Barsamian, traducida ao galego por Ánxelo Gonzalves. Súmase a outros títulos ligados ao pensamento contemporáneo: o manifesto “Indignádevos!”, de Stéphane Hessel, e a obra colectiva “A revolta dos indignados”.

“Ocupa a economía” presenta unha análise completa e fonda da intensa crise que o sistema capitalista vén atravesando dende os últimos anos da primeira década do século XXI. Os autores abordan o tema nun rexistro accesíbel e informal, e desenvolven un ameno diálogo poboado de exemplos clarificadores para amosar as verdadeiras orixes da desigualdade económica.

…Cuestionar e criticar o capitalismo é tabú e é tratado polas autoridades federais, axentes de inmigración, policía e a maioría do pobo, en xeral, coma se se tratase dun acto de traizón. Un silencio imposto polo medo substituíu a sa e necesaria crítica sen a que todas as institucións, sistemas e tradicións se transforman en dogmas, dexeneran en rixideces sociais ou cousas peores. Protexido de crítica e debate, o capitalismo nos EUA puido permitirse exhibir os seus máis escuros impulsos e tendencias. Ningunha evidencia pública, crítica ou movemento social puido interporse no camiño do sistema a pesar da súa progresiva deriva cara á iniquidade, a ineficacia e a opresión...

[OCUPA A ECONOMÍA. CUESTIONANDO O CAPITALISMO: R. Wolff - D. Barsamian, trad. A. Gonzalves]

As orixes da crise económica nos Estados Unidos e a súa extensión ao resto do mundo; a resposta do movemento Ocupa Wall Street e a historia das ideas socialistas nos Estados Unidos; as fondas deficiencias estruturais do sistema económico capitalista e as súas consecuencias na vida das persoas; as alternativas para o futuro… son algúns temas que se abordan nesta obra.

Inédito en castelán e portugués, “Ocupa a economía” é unha obra interesante “pola súa clareza e orixinalidade -mesmo teórica, a pesar do ton distendido-, pola actualidade e pola importancia dos autores”, explica o seu tradutor. Ánxelo Gonzalves considera que o movemento “Ocupa Wall Street” -do que non hai representación directa en Galicia- non é abondo coñecido, malia ter achegado “unha análise profunda e propostas concretas de futuro, do que este libro é boa mostra”.

Os lectores interesados na actualidade internacional teñen nestas páxinas unha oportunidade para achegarse a un movemento social que “está a loitar contra o tabú de cuestionar o capitalismo e que está a mudar moitas cousas nos EUA”, como expón Richard Wolff. Unha obra que, ademais, reflicte “a importancia da esquerda dos EUA, máis aló dos demócratas”, engade Ánxelo Gonzalves, dende o punto de vista político.

“Abrandamento e demonización levaron ao ostracismo da esquerda nos EUA. Mais agora, xa sen vínculos acomplexizadores coa URSS, as novas xeracións de esquerda están preparadas para asomar novamente e desmentir que o Partido Demócrata sexa de esquerda”

Nesa liña, e facendo algo de historia, Gonzalves apunta que “o desprestixio da URSS despois da II Guerra Mundial, nomeadamente nos EUA, desactivou os movementos máis á esquerda, que tiveran moita importancia”. Outro motivo que explica o declive das organizacións reivindicativas esquerdistas foi “a bonanza económica que os EUA viñan experimentando”.

“Abrandamento e demonización levaron ao ostracismo da esquerda nos EUA”, afirma Ánxelo Gonzalves. “Mais agora, xa sen vínculos acomplexizadores coa URSS, as novas xeracións de esquerda están preparadas para asomar novamente e desmentir que o Partido Demócrata sexa de esquerda”. Nese contexto, Ocupa Wall Street xurdiu como un movemento “suficientemente aberto para que toda esa xente e moita outra, cansada coas consecuencias da crise, se sinta cómoda”.

“Occupy the Economy. Challenging Capitalism”, na súa edición orixinal en inglés, publicouse por primeira vez en 2012. Dous anos despois conserva a súa vixencia; en parte porque, malia a rapidez dos acontecementos no eido económico e financeiro, os cambios non son tan profundos. “De feito, o alcalde de Nova York, electo en xaneiro deste ano, reivindícase herdeiro do movemento Ocupa, polo menos en parte”, afirma Ánxelo Gonzalves referíndose a Bill de Blasio, primeiro alcalde neoiorquino polo Partido Demócrata dende 1993.

"O interesante non vai ser tanto saber a onde leva o Movemento Ocupa, que está a perder forza, senón que consecuencias van ter todos os contactos que aí se fixeron, e as solucións e debates que moita desa xente asumiu”, resume Gonzalves sobre a repercusión de “Ocupa a economía” no mercado editorial galego. Os lectores apreciarán o “discurso pedagóxico” de Richard Wolff, “con continuo recurso a exemplos facilitadores” para os profanos na materia, aclara o tradutor.

Para a revisión da tradución, Ánxelo Gonzalves contou coa colaboración do economista e político Xavier Vence, no apartado relacionado co vocabulario económico específico; con Xulio Ríos en materia de relacións internacionais; con José Almeida e José R. Carvalheira, como asesores para os lectores habituados ao portugués.

"O interesante non vai ser tanto saber a onde leva o Movemento Ocupa, que está a perder forza, senón que consecuencias van ter todos os contactos que aí se fixeron, e as solucións e debates que moita desa xente asumiu”

Richard Wolff (foto, Don Usner). David Barsamian

Richard Wolff (EUA, 1942) é profesor emérito de Economía na Universidade de Massachusetts. Tamén impartiu clases no Programa de Asuntos Internacionais da New School University de Nova York. Wolff ensinou Economía na Universidade de Yale, na City University de Nova York e na Sorbona de París. Ademais, presenta o programa de radio «Economic Update» na emisora WBAI da cidade de Nova York. Entre outras obras publicou «Capitalism Hits the Fan: The Global Economic Meltdown and What to Do About It». Escribe habitualmente para The Guardian, Truthout.org e MRZine.

David Barsamian (EUA, 1945), coñecido internacionalmente como habitual entrevistador de Noam Chomsky, é un dos xornalistas con máis proxección en Norteamérica. Renovou o panorama dos medios independentes co seu programa semanal Alternative Radio, iniciado en 1986. É autor de numerosos libros xunto a Noam Chomsky, Howard Zinn, Tariq Ali, Edward Said, Eqbal Ahmad e Arundhati Roy. Os seus artigos e entrevistas aparecen en «Progressive», «Z», «The Sun» e outras revistas e xornais.

Ánxelo Gonzalves estudou Ciencias Políticas e Sociais. Dende 2012 é asesor en comunicación. Foi vicedirector do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e traballou no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, na Fundación Vía Galego e no Observatorio Galego da Lusofonía. É coautor do libro “Orgulho galego na diáspora” e ten publicado artigos de opinión e divulgación en diversos medios galegos e internacionais.