...Casara tarde, en xuño de 1943, despois dos bombardeos dos americanos en Cagliari, e naqueles tempos chegar aos trinta anos sen ter amañado un matrimonio era pouco menos que ser unha solteirona. Non era que fose fea nin que lle faltasen pretendentes, todo o contrario. Só que nun momento dado os pretendentes comezaban a espazar as visitas ata que xa non aparecían nunca máis, sempre antes de lle pedir oficialmente a man ao meu bisavó...

Milena Agus, "MAL DE PEDRA". Tradución de Carlos Acevedo, FAKTORÍA K (2010)

MENCIÓN ESPECIAL DO PREMIO JUNTURAS 2004 | PREMIO ELSA MORENTE 2006

...Tan pronto se apagou a luz do dormitorio comezaron o barullo e o algareo en todos os edificios da granxa. Durante o día correra a voz de que o vello Comandante, o porco branco de raza middle white que gañara o concurso da feira, tivera un estraño soño a noite anterior e quería transmitírllelo aos outros animais; e acordaran reunirse todos no celeiro grande en canto estivesen seguros de que o señor Jones non fose entremeterse...

George Orwell, "A GRANXA DOS ANIMAIS" (Tradución de Fernando Moreiras). FAKTORÍA K (2010)

Mentres prepara o seu casamento, unha moza recorda a vida da súa avoa: unha muller sarda, romántica, namoradiza e ilusionada, que procura o amor ideal, ata o punto de escribir apaixonados poemas e de considerar que un home a pretende só con sorrirlle. Mais a familia obriga a muller a casar con alguén de quen non está namorada; un home que debe aceptala para saldar débedas coa familia dela. Ao pouco de casar, a muller ten que visitar un balneario na península para curar o seu mal de pedra; alí atopará o amor desexado e mesmo conseguirá sandar dos seus cólicos renais.

Cunha linguaxe sinxela, fermosa, e chea de sensibilidade, que á vez transmite unha fonda emoción, Milena Agus tece para os lectores unha sutil rede xeográfica, histórica, familiar e sentimental para ofrecerlles esta obra delicada e intensa, transportándoos ata un mundo a cabalo entre a realidade e a fantasía. A historia da avoa é a imaxe da dura vida en Italia despois da II Guerra Mundial, mais tamén o exemplo para perseguir os soños, con personaxes unidos pola sensibilidade artística, o sufrimento, a loucura, os amores inventados ou frustrados. “Mal de pedra”, publicada en 2006, traduciuse a máis de vinte e cinco idiomas e vendeu máis dun millón de exemplares.

MILENA AGUS (Xénova, 1959). Reside en Cagliari (Sardeña) onde traballa de profesora de Lingua e Historia nun Instituto. Dende sempre estivo moi unida a esa illa, terra natal da súa nai; un espazo que adquire moito protagonismo nos seus textos. Sendo moi nova comezou a escribir poesía e xa en 2005 acadou o éxito coa súa primeira novela, “Mentre dorme il pescecane”. Coa súa segunda obra, “Mal de pedra”, que fora finalista do Premio Junturas 2004, recibiu o Premio Elsa Morente 2006 en Italia e irrompeu no panorama literario internacional, chegando aos primeiros postos de vendas durante semanas en Italia, Francia, Alemaña e España. Posteriormente publicou “Ali di Babbo” (2008) e “La contessa di ricotta” (2009), que foron moi ben recibidas pola crítica e polo público europeo. As súas novelas, caracterizadas pola presenza de paisaxes de ensoño, elementos fantásticos e moita imaxinación, son moi apreciadas polo seu estilo natural e intenso, que introduce aspectos como a feminidade, a nostalxia e a esperanza. Con “Mal de pedra”, Milena Agus crea unha pequena xoia literaria que non deixa indiferente a ninguén, ao crear un mundo propio, descrito con delicadeza e paixón, no que se mesturan o real e o onírico e onde trunfa o verdadeiro amor.

Unha noite, cando o granxeiro Jones vai durmir, todos os animais da Granxa Manor reúnense e, liderados por un porco sabio, o vello Comandante, deciden amotinarse e loitar contra os seus amos. A rebelión trunfa, os humanos son expulsados a couces, e os porcos Napoleón e Folerpa proclaman un novo sistema social baixo unha nova lei que declara que «todos os animais son iguais». Pero as ensinanzas do vello Comandante vense alteradas cando os seus sucesores asumen o control e converten o goberno nunha tiranía.

Escrita durante a II Guerra Mundial e publicada en 1945, “A Granxa dos Animais” é unha sátira contra as ditaduras, unha fábula moderna na que George Orwell critica os totalitarismos e a corrupción que enxendra o poder. A mestría do autor fai que os lectores reflexionen sobre as causas que levan a eses sistemas políticos a desenvolverse e, sobre todo, a seren aceptados. Trátase dun relato cun nivel de profundidade que fai posible que a súa mensaxe trascenda o caso particular do réxime soviético ao que critica, ata o punto de ser asequible mesmo para a comprensión do público xuvenil. Por este motivo, “A Granxa dos Animais” é un texto referencia como ferramenta educativa.

A novela foi levada ao cine en 1955, dirixida por Joy Batchelor e John Halas, na primeira longametraxe inglesa de animación. En 1999, John Stephenson dirixiu unha nova versión de ‘Animal Farm’, para a que filmou animais verdadeiros.

GEORGE ORWELL (Motihari, India, 1903-Londres, 1950). Xornalista, columnista, ensaísta e crítico literario, o seu nome real era Eric Arthur Blair. Foi un dos escritores europeos máis importantes do século XX. Comprometido coas causas a prol da liberdade e da xustiza social e en contra dos totalitalismos, a obra literaria de Orwell reflicte en cada momento a súa ideoloxía, claramente anti-imperialista. A súa extensa obra componse principalmente de escritos e ensaios publicados en diferentes revistas e xornais ingleses: Down and Out in Paris and London, The Road to Wigan Pier. Na obra ‘Homage to Catalonia’, Orwell describe as súas experiencias durante a Guerra Civil en España. Xa daquela denunciaba o sectarismo stalinista e a represión sobre o movemento anarcosindicalista. En 1984, Orwell preséntanos por vez primeira o concepto do «Irmán Grande», o ollo que todo o ve, na sociedade autoritaria. Foron precisamente esta obra premonitoria, “1984” (1949), e “A Granxa dos Animais” (1945), as novelas que o consagraron como un dos grandes novelistas contemporáneos.