Encontro con José Antonio Abad.

As catro estacións. Vivaldi” e “O carnaval dos animais: Camille Saint-Saëns” son libro-discos que combinan obras emblemáticas da historia da música, con textos creados expresamente para esas composicións, e ilustracións de artistas destacados no panorama contemporáneo da plástica. José Antonio Abad é o autor dos relatos que acompañan estas audicións coas que KALANDRAKA pretende achegar a música clásica a todos xa dende as primeiras idades, pola importancia desta materia na formación integral dos escolares.

José Antonio Abad participará este vindeiro xoves, 20 de febreiro, nun encontro con educadores que se vai celebrar na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, a partir das 18:30 horas. Con el, intervirán Xosé Pérez, de KALANDRAKA, e mais a directora da Escola Municipal de Música de Santiago, Sara Domínguez Lloria, que explicará unha experiencia educativa realizada neste centro a partir de “O carnaval dos animais”.

O obxectivo desta xornada formativa é trasladarlles aos docentes -mais tamén aos pais, libreiros e mediadores que queiran sumarse a esta sesión- as claves desta colección de libros, pensados para lograr que a obra dos grandes referentes da música clásica sexa patrimonio de todos.

"As catro estacións. Vivaldi": José Antonio Abad, Emilio Urberuaga, Sarah Chang (Kalandraka, 2012).

Trátase dun material cuxa utilidade pode adaptarse a diferentes niveis: como audición para iniciar os pre-lectores na música, como ferramenta no eido da Educación Primaria para coñecer a vida e a obra dos compositores, como canle para traballar as partituras en Secundaria…

Destaca tamén a faceta visual, que achegan ilustradores de prestixio: Emilio Urberuaga -Premio Nacional de Ilustración 2011- no caso de “As catro estacións”; e João Vaz de Carvalho -distinguido con varios galardóns internacionais- en “O carnaval dos animais”.

"O carnaval dos animais" (Kalandraka).

En canto aos discos que acompañan os álbums, Sarah Chang -considerada unha das mellores violinistas do mundo- interpreta a obra de Vivaldi, mentres que a orquestra Academy of London protagoniza as pezas do concerto baseado nas composicións de Saint-Saëns.

José Antonio Abad é psicólogo e pedagogo, especialista en proxectos educativos. Dirixiu o Departamento de Divulgación da Música na Orquestra Sinfónica de Galicia. Organizou o Programa Municipal 'Descubrir a música' do Concello da Coruña, os 'Domingos con música' do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, e concertos didácticos en varias cidades españolas.