Xavier Seoane, autor de "Espiral de sombras" (Faktoría K).

Somos os fillos dos antigos gremios

e as emigracións longas.

Unha eterna arañeira

de asoballamento e vergoña

luíu o noso rostro.

Somos os fillos da eiruga señorial

e a vara clientelar

do cacique e o raposo.

Ignorancia e atraso

foron a consecuencia

de séculos de oprobio e opresión...

[Fragmento do poema "Para unha estirpe morta" do libro "Espiral de sombras", de Xavier Seoane]

O recente poemario do escritor coruñés Xavier Seoane explora a luz e a escuridade dunha utopía incumprida. Dende as orixes, pasando pola historia e os seus avatares, indágase na tensión entre o que xa foi e o que pelexa por ser, nun contexto de globalización imparable que trae ata o presente as ameazas da perda e a demolición.

O autor reflexiona sobre a súa última obra literaria nunha entrevista que lle fai a xornalista Montse Dopico para o Magazine Cultural Galego.

- Comeza xa o libro con títulos que conteñen termos como derrota e destrución. Hai un eu colectivo definido como “estirpe morta”. “Somos os fillos da eiruga señorial/ e a vara clientelar/ do cacique e o raposo”, di a voz poética. Todo o libro pode interpretarse, así, como unha historia de Galicia en clave épica. Era a idea?

- Quizais antes debería dicir que a poesía non é unha actividade plenamente transparente, cartesiana, cristalina… Por iso, o que eu poida dicir sobre o meu libro non deixará de ser unha certa impostura: unha reflexión racional, conceptual, sobre algo que nace de instancias agachadas da nosa psique, que o propio poeta, como calquera persoa, descoñece. E eu creo que neste libro non é precisamente escasa a afluencia do subconsciente, do instintivo… Teño a sensación de que hai moito elemento simbólico, mítico, irracional, catártico, emotivo, intuitivo… cuxa descodificación se me escapa. Por iso creo que o libro pode ter moitas lecturas.

Que trata do país, da súa historia, da súa (chamémoslle así, se é que iso existe e pode ser nitidamente perceptible) “identidade”, dos seus mitos e soños, da súa fisicidade natural, atlántica e antiga, da súa cultura, de elementos arqueolóxicos e etnográficos do seu vivir, da súa cultura popular, da dura aculturación que sufriu … é evidente. Entre outras cousas, porque eu vivo aquí, e todo penetra nun desde cativo, ou, se queremos crer no do “subconsciente colectivo”, a través do legado que nos dan no paquete xenético e vital.

Que tamén, no libro, hai, creo, bastante do que podiamos chamar arcano e auroral, e en certo modo cósmico ou cosmogónico. Pero eu creo que tamén hai moitas outras cousas. Creo que está o malestar recente polo modo en que se está realizando o proceso de globalización, ese triunfo deshumanizador do neoliberalismo, esa destrución de tantos logros históricos, sociais e culturais… E creo que tamén hai moito de min mesmo. De vivencias directas ou indirectas. Dos meus. Elementos, vivencias ou lembranzas puramente persoais E outras que proceden da experiencia tanto física como inmaterial do lugar e da cultura que un vive…

Partindo desta recompilación de impresións verbo do significado deste conxunto de versos, da mensaxe que o autor lles transmite aos lectores, do alento crítico que arrastran as súas palabras, as conclusións son mesmas que planearon na presentación do libro. Arroupaban ao autor as poetas Eva Veiga e Olga Patiño, o profesor e escritor Henrique Rabuñal. Con eles tamén, o xornalista e escritor Luís Rei Núñez, que dirixe a colección 'Tambo' na que se insire esta "Espiral de sombras", facendo piña co "Tríptico" de Antoni Marí, co "Alén da fronteira" (Premio Lois Tobío de Tradución  2012) que reúne composicións de sete poetas vascos, e co Premio Nacional de Poesía Manuel Álvarez Torneiro, que coa obra "Os ángulos da brasa" acadou o máximo galardón das letras a nivel estatal e numerosos recoñecementos no eido das letras galegas.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Henrique Rabuñal, na presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Henrique Rabuñal trazou unha ampla análise de canto Xavier Seoane achega á literatura galega contemporánea con este novo poemario. Un resume da súa intervención pódese ler este mes na Revista Grial. O que segue é a versión íntegra do seu discurso.

ESE RONSEL PERDIDO NO SOLPOR. UNHA LECTURA DA ESPIRAL DE SOMBRAS DE XAVIER SEOANE

I

Digo cavorco, digo cádavo, pronuncio coio e callao, lambo a tona e contemplo o cabaceiro, piso touzas e laxes, apreixo o verdegal, o lintel, a gramalleira.

Amo a gamela solar, bebo godello e amandi e outros caldos das veas do país e uso monteira. E persigo as palabras maiores que tecen un ronsel garnido no solpor.

Aquelas que sinalan no Mapa de Fontán a nazón de Breogán. As que recitan os nomes dos mellores homes e das mellores mulleres. Que procuran o cabaliño do demo e o canto do pardal. Que alertan contra a mansedume e a felonía. Que saben que Monsieur Godot non vai vir nunca. Que interpelan ao cuco, á donicela e á barbantesa.

II

Queridos amigos: non creo que sexa difícil, para min non o é, aceptar as consignas que encerra o libro de Xavier. Aceptar o reto. Defendernos da barbarie coa palabra elevada e profunda da poesía. Nun libro unificado polo oficio demorado e esixente do autor, ás veces pesimista, outras esperanzado, que bebe en numerosas fontes da tradición propia e das alleas e que tamén dialoga co todo textual que o autor vén elaborando desde os anos 70. No “Pan de raposo” o poemario de Seoane vólvese diáfano e partindo da experiencia persoal edifica un canto colectivo en defensa do que somos: terra, lingua, cervo, landra, cruceiro, pote, soño.

Queridos amigos: somos un país milenario, cultivado, unha antoloxía de olores, de fogos en cada lar, e moitos ferrados de memoria e moitos caldeiros de esperanza e por iso non podemos sucumbir. A escrita é sempre un acto contra a derrota. Teremos que ler as palabras da terra, encarar as sombras e defender por riba de todo como fai Seoane a árbore da fala, profunda, espectral pero viva, presente e ausente. A nosa estirpe é esa árbore, o rebento, o agromo, a liñaxe, a proxenie, a orixe, os nosos emigrantes espallados polo mundo, os vellos máis sabios, os cativos desdentados, os que aloumiñan a maceira, os que se amotinan no alpendre, os que aínda estamos bébedos de soños.

Queridos amigos: Espiral de sombra permítenos verlle os ollos ás doncelas de Joán Zorro, e as cornas aos cervos excitados de Pero Meogo e as mans grosas do indignadísimo Roi Xordo e do Marqués de Sargadelos, e o cartafol de Sarmiento e o noso XIX íntegro co cadáver de Aguirre, John Moore, a cabeciña de Murguía e os pintores doentes e o XX cabal con Castelao á fronte, os cadáveres inocentes do Campo da Rata, con Luís Seoane e Blanco Amor, cos maquis e con tantos outros que viñeron despois para que fosen posíbeis horizontes e orvallos, bosques e presenzas, iniciacións e regresos.

En particular no texto dedicado a Ramón Sampedro, o poeta reflexiona sobre o fracaso da existencia cando é privada daquilo que lle dá sentido: o amor por riba de todo e como experiencia total, a capacidade de soñar e a necesidade de construír unha esperanza. Así pois amigos: amade, soñade, agardade.

Queridos amigos: o libro de Xavier Seoane é un catálogo de sombras e de derrotas, de mutilacións, de incertezas que desagua nestes versos rotundos:

Cóidate, meu país, do teu futuro. Cóidate, meu país, do teu pasado.

III

No “Corazón de Maiola” é onde percibimos esa tensión dialéctica entre o construír e o destruír co seu correlato da palabra convertida en voz e do silencio. Unha palabra que é escudo contra a desorde, emblema da beleza e substancia da consciencia porque sen consciencia, sen orde e sen palabras os humanos non poderemos proseguir. Daquela sería o noso final. A nosa derradeira claudicación.

Tal como entendemos o libro este é unha orde inequívoca de resistencia, de nutrición para un novo lume. Porque a existencia humana, facilmente captada no interior da propia familia (avós, pais, fillos) explícase con palabras na súa interacción coa terra, a fauna e a flora, o material e o inmaterial, a luz e a auga. A xesta é todo un símbolo lumínico, astral, floral, misterioso e terreal. Por esta vía chega Seoane ao chanzo máis próximo á poesía pura, á fantástica beleza na que as palabras locen novos bríos e brillos e din cousas que críamos imposíbeis: Traerás neve azul e escuma verde da primeira luzada.

IV

O poemario péchase coa “Pedra da serpe”. O poeta felizmente renuncia a ser cisne irado, troita, ollo cego de corvo, anel do imposible porque quer ser físgoa “que trae como un eco de luz a pomba da alba”. E nós todos con el, levantándonos contra a profanación e outorgándolle a Xavier -como facemos este serán- a forza do toxo, o vimbio e o carballo, a larganza do mar e o vento nas pólas, o cheiro do trevo e os rumores das areas, a forza da anca do cervo novo, a herba de San Xoán, grelos e cachola, luz e setestrelo, flor de liño, oblea de cerva e por riba de todo agromar de fonte nun lameiro de ouro.

V

Os máis vellos do lugar educámonos lendo libros como A caluga do paxaro (1979), sombrizo embrión das utopías incumpridas, no que se postulaba a imposibilidade de loitarmos contra o tempo e apreixarmos a felicidade. Desde aqueles días de gozo, a obra de Seoane fiel a un itinerario temático que se repite e ensancha e a un formalismo cada vez máis esixente foise revelando como un paradigma diso que chamamos última poesía galega e que no seu caso combinou transgresión e tradición, paisaxismo e memorialismo, intimismo e civismo, culturalismo e erotismo, esperanza e desilusión, liberdade e opresión. Unha obra a de Seoane inserida na textualidade literaria galega pero sempre atenta e aberta ás literaturas do mundo que tan ben coñece e a outras formas de comunicación artística con especial devoción e interese polas artes plásticas ás que consagrou páxinas e iniciativas memorábeis.

V

A espiral supón unha reviravolta infinita ao redor dun núcleo esencial no que aniñan os devezos do poeta. E o sombrizo, o espectral, existe a partir dun foco luminoso, dunha luz antagónica. Creo que Espiral de sombras está articulado en base a unha serie de oposicións dialécticas que en certa medida explican a nosa existencia: a destrución precisa para a construción, a palabra que edifica o silencio, a morte que perfila a nosa vida, o impulso que nos leva a procurar o inalcanzábel, a orde natural violada pola actividade humana, a necesidade de darlle a volta ás derrotas, a tensión entre o pasado e o presente, entre os soños e as realidades, entre a beleza e o feísmo, entre a castración e a liberación, entre a ignorancia e a sabedoría, entre o amor e a ruína. O poeta establecerá nesta Espiral de sombras o catálogo de divindades a venerar coma o cesto e o cicel e ao seu carón a listaxe do maldito, da lebra e da bile.VI

Na convición de ser o autor de Espiral de sombras unha das grandes personalidades da cultura galega das últimas décadas e de ser ademais unha celebridade na nosa cidade, aforrei e aforro comentarios sobre unha traxectoria lúcida, vigorosa e poliédrica que precisa xa unha análise académica que poña o conxunto da obra de Seoane no lugar de honra que lle corresponde na súa xeración e no seu tempo. Unha obra que abrangue alén da poesía, a prosa, o ensaio, o xornalismo, a conferencia, a docencia, a intervención e creación culturais.

Tamén lle agradecemos a Xavier que nos tivese en conta xunto con tantos amigos comúns, algúns verdadeiros irmáns ou incombustíbeis mestres, nesa nómina de persoas ás que están dedicados algúns textos.

Para nós foi unha honra poder dicir estas poucas pero sinceras palabras. Agradecémosllo ao autor e tamén ao vello amigo e excelente escritor Luis Rei Núñez, director da colección Tambo agora en Kalandraka na que se publica Espiral de sombras con capa de Isaac Pérez Vicente.

Grazas tamén á profesora Dolores Vilavedra que publicará na revista Grial estas nosas palabras de hoxe.

E para rematar: querería que se houber algún xornalista ou cronista nesta casa amiga da cultura que transmita a conselleiros, ministros e comisarios que non practiquen máis recortes no país das palabras, nin no tendal da esperanza, que non ofendan a lingua nin a beleza, que non esfarelen o soño e a consciencia, que non recorten a larganza do mar, dicídelles por favor que non recorten a larganza do mar. Dixen.

Henrique Rabuñal. A Coruña, 3 de outubro de 2013.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Ola Patiño, na presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

De "Espiral de sombras" fíxose unha segunda edición ao mes dun mes da súa publicación. É unha das obras finalistas do Premio Ánxel Casal de Poesía que convoca a Asociación Galega de Editores.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Xavier Seoane, na presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Presentación de "Espiral de sombras", de Xavier Seoane, na Coruña.

Luis Rei Núñez, Henrique Rabuñal, Xavier Seoane e Olga Patiño.

← Anterior Siguiente →
0 Comentario(s)