A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra acollerá este venres día 26, a partir das 18:00 horas, unha sesión de contos para público infantil, organizada pola Fundación Meniños e impartida por Migallas Teatro. A actividade, que se enmarca nos actos con motivo do recente Día da Infancia, está enfocada a concienciar sobre o dereito dos nenos a vivir en familia. “Milu”, un texto do escritor Manuel Rivas, con ilustracións de Aitana Carrasco, será o eixe central da sesión.

Este libro solidario, editado por KALANDRAKA, doa o 10% das súas vendas a Meniños para levar a cabo accións de protección da poboación infantil en situación de desvantaxe social. Tamén Manuel Rivas lle cede á Fundación os seus dereitos de autor, mentres que Aitana Carrasco contribúe doando a imaxe da nena protagonista para que Meniños a difunda nas súas campañas de intervención. Neste relato tenro e sensible reflíctese a indefensión de Milu ante os problemas dos seus pais, e difúndese a figura da familia de acollida para garantir a atención dos menores a nivel afectivo e material.

A sesión de contos, interpretada por Bea Campos, completarase con outros clásicos da Literatura Infantil contemporánea, como “Pequeno Azul e Pequeno Amarelo”, de Leo Lionni, e “Eduardo, o neno máis terrible do mundo”, de John Burningham. Tanto Milu como os protagonistas destoutros contos, son nenos e familias diferentes; as súas respectivas historias pretenden sensibilizar e solidarizar ao público, cativos e adultos, sobre a necesidade de garantir a felicidade e o benestar dos máis pequenos fronte a calquera circunstancia adversa.

Migallas Teatro vén realizando sesións de contos todos os venres pola tarde na Biblioteca Pública de Pontevedra, co lema “Contos nas orellas”. A última sesión programada celebrarase o próximo 3 de decembro. Ademais, Migallas tamén se encarga das actividades infantís do programa “Á procura do tesouro”, os mércores ás 18:00 horas e os xoves ás 17:30, no Pazo da Cultura de Pontevedra.