"…Nesta ocasión, ofrecémosvos temas de creación propia salferidos con versións de cancións tradicionais. Con estas cancións, nacidas da terra, da auga, do sol, do traballo e da alegría dos nosos avós, queremos contribuír a espallar a inmensa riqueza cultural herdada dos nosos maiores, mediante o xogo e a diversión..". [Fragmento do texto de Pan de millo]

Pan de millo” é un libro-disco dirixido a público familiar en que Migallas Teatro reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.

É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana.

Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.

A creación de Migallas como grupo de teatro afeccionado data de 1992 e dende 1996 é unha compañía profesional fundada por María Campos e Carlos Yus. Na súa traxectoria suman máis dun milleiro de actuacións por toda Galicia. Ademais da montaxe de espectáculos teatrais e sesións de contacontos, realizan talleres de expresión dramática a través de concellos, asociacións e colexios; é o caso da actividade “Á procura do tesouro” en Pontevedra, que coordinan dende o ano 1999 e pola que xa pasaron máis de 2000 rapaces e rapazas de 4 a 16 anos. Tamén realizan visitas culturais teatralizadas polo Centro Histórico e polo Museo de Pontevedra. Gravaron o disco “Canta connosco!” en 1996 e editaron o libro “Un avó especial”, a partir dunha das súas obras, sobre a doenza do Alzheimer.

A partir das cancións, Dani Padrón (Ourense, 1983) crea unhas lustraciónsque destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes. Chegou á ilustración a través da caricatura e do cómic, tras gañar un accésit no IX Concurso Galego de Caricaturistas Noveis (Ourense, 2009) e un segundo premio no XIV Certame de Cómic de Cangas en 2010. Comezou a súa andaina como ilustrador infantil en 2011 co premio Pura e Dora Vázquez. Dende entón publicou varios álbums.

A diferenza de anteriores traballos de ilustración, no caso de Pan de millo "nunca antes tivera que ilustrar outra cousa que non fora únicamente texto", explica Dani Padrón. "Cambiei totalmente a forma de preparar cada debuxo: en lugar de estar todo o día lendo e pensando, pasaba todo o día escoitando música e pensando.

O resultado son personaxes empapados de musicalidade e movemento, que parecen seguir o ritmo das melodías. Dani Padrón buscaba precisamente "que os personaxes participen da canción que lles corresponde e, en moitos casos, que a bailen. Ata que a canten, como no caso dos piratas".

Para conseguir ese efecto, mentres traballaba con cada unha das ilustracións, Dani Padrón escoitaba nese momento a pista musical que lle correspondía, repetidamente. "E tamén á hora de ensinarlles os debuxos á xente da casa, tiña que estar soando a música correspondente", engade.

Son figuras que, ademais de musicalidade e dinamismo, destacan pola súa expresividade. "Nas miñas ilustracións o peso do que poidan transimitir os personaxes está máis na súa expresividade, tanto facial coma corporal, que no colorido. Aínda así, a cor axuda e gústame utilizala, pero con moderación. Intento facer que sexa un colorido á vez potente e comedido", precisa Dani Padrón.

Na traxectoria -aínda incipiente- deste ilustrador, está o pouso que deixaron artistas gráficos aos que admira, como Xosé Tomás pola súa "técnica do branco", a David Pintor polo seu "dominio da cor e do dinamismo das ilustracións", ou a Iban Barrenetxea pola "elegancia e virtuosismo" do seu traballo.

"A canción titulada "Rodari" é precisamente unha homenaxe ao escritor Gianni Rodari, e máis concretamente ao seu conto "O prato verde", o que explica os elementos que aparecen na ilustración: un prato verde, unha árbore verde, un niño verde...". Detalles coma estes reflicten o laborioso traballo deste ilustrador con formación de arquitecto, que gusta de manexar os elementos indispensables para transmitir a esencia do que cómpre contar.

No apartado musical, a achega de Magoia Bodega e Paulo Nogueira permitiu que as cancións de "Pan de millo" se envolveran da ambientación axeitada, da tonalidade máis acaída para cada tema e das referencias melódicas que mellor encaixan para cada un.

Como nos gustou o título do disco cando nolo desvelaron Carlos e María!! Pan de millo!!!

Primeiro porque devecemos por ese pan e non falta nunca na nosa casa. Un dos manxares máis saborosos e sinxelos da nosa gastronomía, acompañado, claro está, de ovos fritidos.

Segundo porque, para músicos tradicionais coma nós, o pan de millo entronca coa tradición: a cadea de transmisión oral das receitas, as distintas tarefas comunitarias que englobaban ao millo e nas que se debullaba e peneiraba tamén moita música...

E terceiro porque Pan de millo é unha cantiga descritiva que fai énfase no valor dos procesos, todo o bo leva o seu tempo... E mira se levou!! Dezasete anos dende o anterior traballo!!

Na produción musical de Pan de millo tivemos moi en conta a diversidade rítmica, tonalidades axeitadas á tesitura d@s cativ@s, retrousos que invitasen ao canto colectivo, montaxes variadas e xoguetonas, e onde as tímbricas galegas e as melodías tradicionais tiveran un lugar destacado.

Se non fora abondo a inestimable compañía dos Migallas, tivemos a sorte de que se sumaran a amasar este pan músicos galegos da talla de Alberto Giadanes, Begoña Riobó, César Longa, Pancho Álvarez e Segundo Grandío. Ademais das compañeiras que fixeron os coros: Lucía Cota e Pili Gonçalves. O xeito de interpretar, ornamentar, harmonizar e acompañar ritmicamente os temas por parte dos músicos participantes, imprimen ao traballo un carácter exclusivo do que nós, persoalmente, sempre gustamos.

Os nosos mellores desexos para Migallas e Kalandraka nesta nova andaina.

Magoia & Paulo

Entre as cancións de "Pan de millo", cómpre destacar a que lle dá título ao libro-disco e outras melodías como "O espantallo divertido" e "O piollo e a pulga".