Presentación da obra "Antón e o Apalpador" en LIBROS PARA SOÑAR

O colectivo Barafunda Animación visitará LIBROS PARA SOÑAR mañá venres, a partir das 18:30 horas, para presentar o libro “Antón e o Apalpador”, unha obra de Manuel Castro e Mar Ameixeiras, con ilustracións de Francisco Ameixeiras. Trátase dun álbum infantil ambientado no tempo do Nadal sobre a figura dun personaxe tradicional orixinario das montañas do Courel. O Apalpador chegaba aos fogares dos nenos mentres durmían e, despois de apalparlles a barriga para comprobar que cearan ben, deixáballes castañas asadas e desexáballes que non pasaran fame.

O libro, editado por Barafunda, contén varias páxinas con propostas lúdicas e educativas para que os rapaces se acheguen a este entrañable carboeiro. O obxectivo é recuperar a historia do Apalpador para celebrar o Nadal no contexto da nosa propia cultura.

LIBROS PARA SOÑAR tamén convida aos pais e nais con fillos e fillas pequenos, de cero a tres anos, a coñecer as sesións de contos para bebés. A derradeira cita do ano celebrarase o vindeiro mércores 16 de decembro a partir das 17:30 horas. No repertorio da xornada os cativos gozarán co conto titulado “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”, de Chema Heras e Kiko Dasilva, editado por KALANDRAKA.