O profesor Xulio Gutiérrez vén de presentar “Animais Extraordinarios” xunto con Chema Heras, co-director desta colección que edita FAKTORÍA K, na Feira das Industrias Culturais Culturgal. “Bocas”, “Nacer” e “Construtores” son os primeiros tres títulos desta serie que xa vai polo seu ecuador e que vai incorporar tres títulos máis: “Ocultos”, adicada a repasar as estratexias de camuflaxe e mimetismo dos animais para pasaren desapecibidos; un máis sobre as grandes migracións que protagonizan os animais máis viaxeiros; e outro sobre os sentidos máis agudos.

Unha colección que, en cada volume, selecciona doce animais de lugares moi diferentes do planeta e ofrece deles unha información moi interesante e sorprendente sobre diferentes aspectos da súa vida, mesmo do seu estado de conservación, cunhas espectaculares ilustracións realizadas por Nicolás Fernández. Imaxes que se adentran no hábitat desas especies e amosan detalles practicamente inescrutables da súa intimidade, lugares e momentos aos que non se ten acceso, polo que “Animais Extraordinarios” contribúe tamén a crear literatura científica.

Libros cun enfoque “universal”, que abarcan o mundo animal en conxunto. Libros “sen fronteiras”, creados, deseñados e producidos integramente en Galicia, capaces de competir no contexto editorial internacional. Unha colección atractiva en concepto e innovación, capaz de chegar ao exquisito mercado alemán a través da editorial especializada Gerstenberg, que adquiriu os dereitos de tradución para publicar “Animais Extraordinarios” nesa lingua.

Unha colección que actúa como instrumento normalizador da lingua, a proba de que se pode facer e difundir ciencia en galego. En definitiva, páxinas para lectores de todas as idades, infantís, xuvenís ou adultos, entusiasmados pola biodiversidade do mundo animal, que gocen aprendendo e adquirindo coñecemento. Unha ferramenta útil e amena para o ámbito educativo, como complemento académico nas aulas. “Animais Extraordinarios” que contribúen a sensibilizar no respecto pola natureza, a xerar conciencia ecolóxica sobre a responsabilidade que temos os humanos por manter o fráxil equilibrio entre as especies que habitan o planeta.